O Concello de Lugo intégrase na rede RAOGAL para traballar en prol dunha maior atención ao alumnado vulnerable

A concelleira de Benestar Social, Olga López , participou esta mañá nun encontro con presenza de todos os axentes implicados que coordinarán esforzos para mellorar a asistencia que se presta aos menores e ás súas familias.

Xoves, 24 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo intégrase na rede RAOGAL para traballar en prol dunha maior atención ao alumnado vulnerable

O Concello de Lugo vén de integrarse, tal e como se comprometera a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na rede RAOGAL de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar de Galicia para poder actuar, ao abeiro do Plan Recupera, na atención ao alumnado máis vulnerable.

A rede - configurada por 32 centros experimentais como Unidade de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar (UACO), dos que forman parte en Lugo o Instituto Leiras Pulpeiro, e os CEIP Luis Pimentel e Paradai - convidou a Administración local a traballar man a man con eles co obxectivo de prestar unha asistencia máis completa ao estudantado menos favorecido.

“Son casos que exceden a perspectiva estritamente e educativa e cómpre abordar dende outros ámbitos como a seguridade cidadá ou a sanitaria e mesmo nos que, dende o Concello podemos facilitar apoio e medios para garantir que todos os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades”, explicou a concelleira de Benestar, Olga López Racamonde.

A edil participou esta mañá nunha xuntanza na que estiveron presentes todos os axentes implicados que coordinarán esforzos na mellora da atención aos menores e ás súas famililas.

Trala presentación por parte dos centros educativos ao Concello, dende a área que dirixe López Racamonde, que tamén estivo representada pola xefa dos Servizos Sociais municipais, Pilar Rodríguez, convidouse á Policía Local, Policía Nacional, Xerencia do HULA e Traballadoras Sociais do Hospital, así como ás xefaturas territoriais de Educación e Política Social para tomar contacto con esta unidade e ir dando pasos no seu cometido.

A iniciativa está financiada conxuntamente pola UE (Next Generation), Ministerio de Educación e Formación Profesional e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Multimedia

  • O Concello de Lugo intégrase na rede RAOGAL para traballar en prol dunha maior atención ao alumnado vulnerable

Noticias relacionadas