O Concello de Lugo inicia as reivindicacións do 8M coa lectura dunha Declaración Institucional polo Día Internacional da Muller

A alcaldesa, Lara Méndez, presidiu o acto no que a edil de Muller, Ana González Abelleira puxo voz ao documento, aprobado unanimemente polo Pleno da Corporación.

Luns, 08 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo inicia as reivindicacións do 8M coa lectura dunha Declaración Institucional polo Día Internacional da Muller

Como cada 8 de marzo, o Concello de Lugo súmase á reivindicación do Día Internacional das Mulleres. Unha data na que a Institución reitera o seu firme compromiso coa consolidación da igualdade entre mulleres e homes, plena e efectiva, esencial para o avance da sociedade e a mellora da democracia.

Por iso, dentro da programación organizada pola área de Muller, con motivo desta efeméride, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu o acto no que a edil de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, deu lectura, acompañada por Ramón Carballo (Pp), Miguel Fernández (Psoe), Cristina López (Bng), e Olga Louzao (C’s) dunha Declaración Institucional aprobada polo Pleno de forma unánime.

A rexedora, Lara Méndez, fixo referencia, en primeiro lugar, á singularidade da celebración este ano, marcado pola pandemia, e destacou o carácter proactivo de Lugo na consecución da igualdade de xénero poñendo de manifesto “os esforzos realizados por moitas mulleres, antecesoras, que mesmo deixaron a súa vida no camiño” e instou á cidadanía a continuar coa loita, aínda que nesta ocasión, fuxindo das concentracións e empregando o resto de altofalantes (redes sociais, balcóns, etc) para facer llegar as súas reivindicacións.

Pola súa banda, a concelleira de Muller, Ana González Abelleira, foi a encargada de poñerlle voz ao documento consensuado co resto das fozas políticas que teñen representación no Concello de Lugo, o que iniciou facendo referencia ao lema elixido polas Nacións Unidas, este 2021 Por un futuro igualitario no Mundo da Covid-19.

“Fai xa un ano que un feito doloroso e insólito para a nosa xeración alterou e escureceu as nosas vidas. Unha pandemia mundial, unha crise sanitaria que conlevou outra social e económica. Durante a pandemia as mulleres estiveron en primeira liña e desempeñado un papel extraordinario. Fíxose visible o papel esencial das mulleres para o sostemento da vida e daqueles traballos esenciais para a sociedade. Estes empregos están ocupados maioritariamente por mulleres e son os máis precarios e invisibilizados. As caixeiras, limpadoras, traballadoras domésticas, coidadoras, sanitarias, científicas, … foron visibles no comezo desta crise e aparentemente recoñecidas social e institucionalmente empeorando ao longo da pandemia as súas condicións laborais, económicas e sociais”, sinalou Ana González.

“Esta crise afectou máis ás mulleres. Son máis as que perderon o seu emprego, as autónomas que viron frustradas as súas empresas, as que sufriron un ERTE. Son moitas máis as que fixeron malabares coas clases dos seus fillos e fillas, a atención aos seus pais ou avoas, o traballo profesional, as tarefas do fogar. As que máis sufriron eses efectos, á conta da súa propia carreira laboral e ata do seu benestar. E, por suposto, supuxo unha tortura engadida a todas as mulleres vítimas de violencia machista”, engadiu a edil.

Tanto Lara Méndez como Ana González deron conta nas súas intervencións de que en Galicia a Covid destruíu 21.000 empregos, dos que 15.900 (case o 76%) estaban ocupados por mulleres.

“A fenda salarial continúa a superar o 20% e ten tamén correlato na fenda das pensións, cobrando as pensionistas galegas unha media de 300 euros menos. A crise puxo de relevo tanto a importancia fundamental das contribucións das mulleres como as cargas desproporcionadas que soportan. Ademais, advirte que por mor da pandemia da Covid-19 xurdiron novos obstáculos, que se suman aos de carácter social e sistémico que persistían antes e que frean a participación e o liderado das mulleres. Porque a pesar de que as mulleres constitúen a maioría do persoal de primeira liña, aínda están infrarrepresentadas nos espazos de poder e de toma de decisións”, referiu a responsable da área de Muller.

“É necesario intervir para paliar esta situación e temos ante nós unha gran oportunidade porque contamos coa posibilidade de investir con audacia para xerar e establecer cambios estruturais. É tempo de feminismo, que combata o patriarcado e a súa filiación co capitalismo neoliberal”.

“Por iso, hoxe fixamos a mirada especialmente sobre aquelas que sofren unha maior precariedade, as mulleres que por posición social e vital necesitan das políticas públicas, dos recursos do estado e das institucións. É necesario a implicación de todas as administracións públicas para que asuman as súas competencias e reforcen, con recursos, as políticas de igualdade. Necesitamos políticas dirixidas a pechar as fendas laborais, salariais, dixitais, de corresponsabilidade, de dependencias, as que conlevan vivir no rural ou traballar no eido da investigación ou das tecnoloxías”.

“Debemos seguir despregando políticas dirixidas a loitar contra a pobreza infantil e a súa feminización, de moitas mulleres con fillos e fillas ao cargo. Políticas pola abolición da prostitución e a trata de mulleres e nenas, contra os ventres de alugueiro, contra todo aquilo que supón un ataque frontal aos dereitos humanos das mulleres. Políticas contra a dobre discriminación das mulleres con discapacidade, con diferente nacionalidade ou etnia...”, sinalou a Ana González.

“Como Corporación, defendemos a necesidade de impulsar o fortalecemento da axenda europea pola igualdade, de incrementar os recursos nas políticas de igualdade e de elevar as esixencias na normativa comunitaria para o avance das mulleres. E seguiremos loitando polas que nalgúns países aínda non alcanzaron nin sequera a igualdade formal cos homes. Velaremos polos dereitos humanos das mulleres e nenas en todo o mundo. Reclamaremos estratexias internacionais que combatan a mutilación xenital feminina, os matrimonios forzados de nenas. E comprometémonos con millóns de mulleres no mundo que aínda teñen negado o dereito á interrupción voluntaria do embarazo”.

“É fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia, á vez que cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres en ámbitos como o da ciencia. Para iso, ademais da aplicación de políticas específicas, resulta imprescindible seguir traballando para eliminar os estereotipos e roles que sustentan a desigualdade”, referiu a concelleira.

“Somos conscientes de todos os desafíos e obxectivos que temos por alcanzar. E tamén recoñecemos o camiño xa percorrido e de quen nos precedeu, o feminismo galego e o que loita en todo o mundo por manter a necesaria igualdade no centro do debate. Por iso, neste 8 de marzo, non podemos deixar de mencionar que este ano 2021 conmemoramos os 90 anos da conquista do voto das mulleres neste país que debemos agradecer á valentía e o lanzo de Clara Campoamor. Co voto feminino completamos a nosa democracia. Coa democracia, as mulleres foron desde o primeiro momento conscientes de que tiñan ante elas unha extraordinaria oportunidade e que era froito do que traballaran outras antes. Clara veu da man de Pardo Bazán, de Concepción Arenal, de tantas outras mulleres que a precederon e de quen recolle a súa testemuña”.

“Delas, herdamos un feminismo que ten que ver cos dereitos humanos, coa democracia, coa cidadanía, coa racionalidade do proxecto humanista ilustrado ao que pertencemos e do que nacen todas as democracias contemporáneas”, apuntou González Abelleira.

Xa para finalizar, a edil de Muller destacou que o avance socioeconómico, cultural e social de Lugo e de Galicia, dependerá ineludiblemente de que mulleres e homes partan do mesmo lugar para poder alcanzar as mesmas metas.

Que viva a loita das mulleres!

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Día Internacional da Muller | Descargar mp3
  • A concelleira de Xuventude, Ana Abelleira, sobre o Día Internacional da Muller | Descargar mp3

Noticias relacionadas