O Concello de Lugo impulsa medidas de conciliación familiar entre o persoal municipal

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, emitiu hoxe unha circular clarificando as circunstancias, e de que xeito, as e os traballadores públicos poden flexibilizar a súa xornada laboral.

O documento recolle aspectos como a consanguinidade do/a parente ao cargo ou a finalidade das ausencias.

Xoves, 26 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo impulsa medidas de conciliación familiar entre o persoal municipal

O Executivo de Lara Méndez favorecerá a conciliación laboral entre o persoal municipal.

A área de Recursos Humanos vén de emitir hoxe unha circular trasladando ás e aos empregados do Concello de Lugo as novas medidas, consensuadas coa representación sindical,ás que poden recorrer para compatibilizar as súas funcións na Administración local coas necesidades propias de garda e coidado de familiares.

A tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos sinalou que “a finalidade é posibilitar unha maior flexibilidade horaria ás e aos traballadores públicos pero sempre no marco das necesidades e características propias de cada servizo”.

Así, referiu o caso do persoal - incluído o caso do que se constitúe como unidade monoparental - que teña ao seu cargo maiores, fillos menores de 12 anos ou persoas con discapacidade ou enfermas, que terán dereito a flexibilizar nunha ou dúas horas diarias, en función da consanguinidade, o tempo de presenza obrigatoria no seu posto.

Trátase de que poidan adaptar o seu horario ao dos centros educativos ordinarios, de integración ou de educación especial, de habilitación e rehabilitación, ocupacionais ou ao dos servizos sociais, conxeniando o cumprimento do cometido que desempeñan na Institución coa atención que demandan os seus familiares”, sinalou a edil.

A responsable de Persoal indicou tamén que as e os empregados públicos terán dereito a ausentarse do traballo, sempre previa xustificación, para someterse a determinados tratamentos médicos, para realizar, en caso de ser necesario, acompañamentos dentro do ámbito sanitario e/ou asistencial ou para asistir a reunións de coordinación dos centros educativos, entre outras circunstancias.

O documento recolle, ademais, outras consideracións para aqueles empregados ou empregadas que se reincorporen ao servizo efectivo tralasuperación dunha enfermidade grave. “De maneira que poderán solicitar unha adaptación progresiva da súa xornada ordinaria cunha duración e durante un prazo de tempo que pode variar segundo a persistencia dos síntomas ou limitacións que lle supoña este regreso”, abondou Alvarellos Fondo quen tamén aclarou que todas estas consideracións serán de aplicación inmediata.

Audio

  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a conciliación familiar entre o persoal municipal | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas