O Concello de Lugo forma a 60 persoas no sector da vixiancia e a seguridade

Venres, 01 de febreiro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, inaugurou hoxe dous cursos para formar especialistas no sector da vixilancia e a seguridade organizados polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo.

O primeiro deles correponde á segunda edición do Curso de Vixilante de Seguridade, que impartirán profesionais do Grupo Cetssa e que conta con 40 participantes, o total das prazas ofertadas. A duración do curso é de 180 horas que se desenvolverán ata o 7 de xuño de 2008.

Os contidos do curso dividiranse en varios módulos, xurídico, socio profesional, técnico profesional e instrumental. Neste último trataranse temas como as comunicacións, detección, contra incendios, primeiros auxilios, preparación física, defensa persoal, armamento e tiro.

A segunda das accións formativas inauguradas pola Concelleira, consiste no I Curso de Especialista en Explosivos e Escolta Privado e que tamén será impartido por técnicos do Grupo Cetssa. Este conta tamén coa ocupación total das prazas ofertadas: 20 prazas. Serán un total de 90 horas de clases que terán lugar todos os xoves de 16:00 a 21:00 horas entre o 1 de febreiro e o 7 de xuño. Todos os participantes contan co título homologado de Vixilante de Seguridade.

Os dous cursos están subvencionados polo Plan Nacional de Drogas e o Concello de Lugo o que reduce notablemente o prezo da matrícula, tarifa que queda fixada en 300 euros para o curso de vixiante e en 100 euros para o curso de especialista en explosivos e escolta privado.

Lugo non ten por que estar de resaca
A Concelleira de Muller e Benestar Social, tamén aproveitou a ocasión para presentar a segunda fase da campaña de sensibilización contra o botellón dirixida á mocidade lucense. Baixo o nome Lugo non ten por que estar de resaca, preténdese que os máis novos comprendan que a cidade é un espazo no que vivimos todos e que, polo tanto, debemos respectalo para vivir mellor e en harmonía.

Carmen Basadre, indicou que o Servizo Municipal de Drogrodependencias pon marcha esta nova etapa da campaña coincidindo coas datas de Entroido nas que co ambiente festivo o consumo de alcohol se incrementa, nalgúns casos, entre os máis novos.

O obxectivo desta campaña é sensibilizar á mocidade, pero tamén ás nais e ós pais, así como á comunidade en xeral, dende un punto de vista cívico.

Mediante imaxes nas que se contrapón a cidade na que gozamos todos, con aquela na que só disfrutan uns poucos, e preguntas como: cres que merecen isto?, o Concello pretende contribuir a que os rapaces e rapazas reflexionen sobre o seu comportamento en ocasións pouco respectuoso e solidario co contorno e os veciños.

Editáronse 450 carteis que serán colocados pola zona centro de Lugo, nos locais de hostalería, centros comerciais, de ocio e deportivos. Despois do entroido, poranse na rúa 7.300 dípticos informativos que reflicten situacións reais do aspecto no que moitas veces nos atopamos a cidade que, como explica a información “ó día seguinte segue a ser a túa cidade” entre alumnos de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de BAC..

Tamén se colocarán unhas pegatinas de grandes dimensións para sinalar os 8 colectores que estarán visibles en zonas determinadas, para fomentar o civismo entre os mozos e se repartirán bolsas de basura.

O Concello segue apostando pola concienciación dos máis novos e da comunidade para combater o que xa está considerado como un fenómeno social, por iso continuarán as intervencións de monitores nas zonas habituais de botellón. Dende que comezaron, hai tres anos, xa levan máis de 20 intervencións con mozos e mozas na cidade. O Goberno Local quere fomentar entre a xuventude da cidade uns hábitos de vida saudables, polo que continuarán informando dos riscos que implica o consumo excesivo de alcohol, as consecuencias negativas na saúde a curto e longo prazo e a necesidade de ter un comportamento cívico que garanta a convivencia entre todos.

Noticias relacionadas