O Concello de Lugo fai un chamamento para promover a donación de equipos de protección

A alcaldesa, Lara Méndez, agradece a xenerosidade das empresas e particulares que xa colaboraron e anima á cidadanía a seguir “traballando xuntos para vencer á pandemia”.

 
Luns, 30 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo fai un chamamento para promover a donación de equipos de protección

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, facía hoxe un chamamento para solicitar a colaboración cidadá e, na medida que sexa posible, promover a donación de equipos de protección individual co fin de seguir abastecendo aos servizos que deben continuar activos durante o Estado de Alarma.

A rexedora agradecía, en primeiro lugar, a xenerosidade das empresas e particulares que xa achegaron a súa aportación, “un gran de area valiosísimo co que seguir tecendo esta rede de cooperación a través da cal, entre todas e todos, conseguiremos vencer á pandemia” e insistiu na importancia de “sumar máis esforzos a esta loita, tanto dende o eido público como dende o privado”.

Así, Lara Méndez explicou que todo o equipamento recibido até o momento foi xa entregado de maneira inmediata entre as e os traballadores e usuarios dos servizos que máis o precisan, como son os que gardan relación directa con colectivos e sectores de poboación con maior perigo de contaxio e fixo alusión, especialmente, aos Servizos Sociais, aos efectivos dos corpos e forzas de seguridade ou os operarios da limpeza, etc… “Departamentos nos que cómpre contrarrestar os riscos porque a exposición ao coronavirus é continuada”, subliñou a alcaldesa.

“Neste momento, resulta prioritario proverse de batas e máscaras cirúrxicas, guantes desbotables, xel hidroalcólico e gafas de protección.  Non podemos esquecer que permanecemos nunha situación de emerxencia global que mantén saturados os mercados e dificulta a distribución”, engadiu a rexedora.

Dende o Concello lémbrase que, ata o de agora, todo o material que se conseguiu foi adquirido directamente pola administración local, con recursos propios, ou ben donado, xa que se continúa á espera de que a Xunta de Galicia entregue a partida solicitada semanas atrás. “De maneira que toda a axuda que teñamos, por parte da poboación, de forma individual ou a través de entidades e negocios, será máis que benvida”, concluíu Lara Méndez.

Noticias relacionadas