O Concello de Lugo estuda compensar ós propietarios dos edificios catalogados

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo estuda cómo compensar ós propietarios dos edificios catalogados para implicalos na súa conservación. Tal e como cambiou positivamente a mentalidade dos cidadáns con respecto ós achádegos arqueolóxicos, o Concello quere colaborar na preservación dos edificios catalogados, xa que a cidade é a última beneficiada. A Comisión de Planeamento estudou hoxe esta cuestión, como informou o voceiro do equipo de goberno, José Ramón Gómez Besteiro.

Na reunión da Comisión para avaliar os edificios catalogados privados, os grupos políticos decidiron sopesar cómo compensar ós propietarios de edificios catalogados. “Deberían ter algún tipo de beneficio. Debemos explorar medidas para que a carga non caia só no propietario, para facernos co-responsables”, afirmou o voceiro e apuntou algunhas medidas como obter certas ventaxas fiscais.

Na xuntanza de hoxe a Comisión de Planeamento estudou a catalogación dos edificios privados, despois de analizar en días pasados o Camiño Primitivo e a catalogación de edificios públicos. Os partidos continuarán coas reunións o vindeiro martes, xa que van estudar se é posible facer agregacións ós edificios catalogados privados, regular os seus usos comerciais en plantas baixas, igualar cornisas, etc.

Entrevista con Cultura
O Concello de Lugo solicitará unha entrevista coa Consellería de Cultura para respostarlle sobre o informe do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Así o anunciou hoxe Besteiro, quen afirmou que a “vontade do Concello é construtiva, aínda que hai puntos coincidentes e outros que non o son. Nós queremos falar”. A intención do goberno local é puntualizar o informe que fixo a Consellería sobre o novo Plan Xeral “defendendo sempre a autonomía municipal”.

Noticias relacionadas