O Concello de Lugo estima que o custe de pór en marcha o novo Auditorio, segundo o entregue a Xunta, superará os 300.000 euros

A Consellería non deu resposta para avanzar na recepción da dotación até a terceira solicitude do Goberno local ao que, finalmente, convocou mañá, 23 de xuño, para formalizar a acta de entrega do inmoble

O executivo de Lara Méndez pedirá que na acta oficial se incorporen os informes técnicos municipais que recollen o estado no que se atopa a instalación municipal

Gran parte dos dispositivos, como ascensores ou o servizo contra incendios, non puideron ser probados porque só hai luz de obra e xa se esgotaron as garantías dos fabricantes

Luns, 22 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo estima que o custe de pór en marcha o novo Auditorio, segundo o entregue a Xunta, superará os 300.000 euros

O Goberno local foi convocado mañá martes, día 23 de xuño, pola Xunta de Galicia para efectuar o acto de recepción do novo Auditorio de Lugo e da parcela onde está construído.

A adminitración autonómica dá, así, resposta á comunicación que lle remitiu o Concello o pasado xoves, a terceira con este fin dende que se recuperou a mobilidade nesta pandemia, instándolle a avanzar na entrega das chaves e da documentación.

O executivo de Lara Méndez solicitará que se incorporen á acta de recepción os distintos informes técnicos municipais que recollen as condicións nas que a Consellería de Medio Ambiente vai entregar o inmoble para uso da veciñanza de Lugo, xa que, segundo os mesmos, será preciso acometer unha serie de traballos necesarios antes da súa inauguración e posta en funcionamento.

Nunha primeira valoración económica efectuada polos técnicos, derivada dos informes elaborados trala visita que lles permitiu realizar a Xunta a finais do pasado mes de febreiro, a apertura destas instalacións municipais obrigará a un investimento superior aos 320.000 euros.

O edificio só ten subministración eléctrica de obra, polo que non foi posible nin sequera probar o equipamento ao completo como poden ser as instalacións de climatización, ascensores, sistemas de seguridade contra incendios, intrusión ou ventilación, entre outros. Ademais, ante a tardanza na finalización das obras e do equipamento, a maior parte destes dispositivos esgotaron as garantías dos fabricantes sen ter uso.

Dada a extensión do Auditorio e a súa complexidade, “será preciso a realización das postas en marcha de cada unha das instalacións por parte de empresas especializadas, realizando a verificación do correcto funcionamento das mesmas”, sosteñen os técnicos. Aclaran que o primeiro paso será formalizar o contrato enerxético así como activar os correspondentes aos dous centros de transformación “e, unha vez dado de alta, poderase avaliar o seu estado global”. 

Nunha primeira estimación, estes aspectos pendentes terán un custo superior aos 230.000 euros. Cifra á que habería que engadir 18.000 € en subsanar deficiencias nas infraestruturas e mais de 66.000 € en axardinar e acondicionar a parcela exterior.

O Concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, lembra que “a dotación cultural entregarase un ano despois do anunciado pola conselleira de Medio Ambiente e logo dun seguimento ininterrompido por parte da administración local, que sempre se mantivo vixiante para esixir o cumprimento dos requirimentos legais, tendo que insistir – tamén en varias ocasións - na necesidade de aprobar os cambios efectuados sobre o proxecto inicial e na comprobación in situ do estado do inmoble para certificar que o traspaso se realiza sen carencias de ningún tipo e segundo o asinado no convenio”.

Audio

  • O concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a apertura do novo Auditorio | Descargar mp3

Noticias relacionadas