O Concello de Lugo entregará decodificadores para apoiar aos colectivos con risco de exclusión nos procesos de transición á TDT

Martes, 02 de febreiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* As condicións das axudas poden consultarse na web www.infoayudastdt.red.es

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, anunciou hoxe que o Goberno de España lle concedeu ao Concello de Lugo a posibilidade de solicitar decodificadores dentro do seu Plan de actuacións de apoio a colectivos con risco de exclusión nos proxectos de transición das fases I, II e III do Plan Nacional de Transición á TDT.

O Concello de Lugo encargarase de tramitar as axudas a partir das bases de datos do Concello, tendo en conta os colectivos aos que vai destinado.

O plan pretende por en funcioamento mecanismos de información preferente, protección e especial atención dirixidos aos integrantes daqueles colectivos que presentan un especial risco de exclusión durante o proceso de transición tecnolóxica da televisión analóxica á dixital no ámbito dos municipios ubicados nos proxectos de transición das fases I, II e III do Plan Nacional de Transición á TDT.

Entre as actuacións previstas no plan, inclúese a distribución dun sintonizador TDT a cidadáns cumplíndose os seguintes requisitos:

- Residir nun dos municipios afectados polas fases I, II ou III do Plan Nacional de Transición á TDT
- Pertencer a un dos colectivos beneficiarios do Plan:

1. Ter máis de 65 anos ou máis e unha dependencia recoñecida do grao II ou III
2. Ter un grao de discapacidade do 33% ou superior, constando como unha das súas discapacidades algunha de tipo auditivo ou visual
3. Ter máis de 80 anos e vivir solo, ou ben acompañado doutra persoa tamén maior de 80 anos

Para levar a cabo a petición da axuda será preciso:

- Cubrir o formulario de solicitude que se pode descargar da páxina www.infoayudastdt.red.es
- Entregar fotocopia compulsada do DNI
- Documento acreditativo do domicilio nalgunha das localidades beneficiadas polo plan
- Fotocopia compulsada da documentación acreditativa do grao de discapacidade ou nivel de dependencia do beneficiario, no seu caso

A documentación (para aqueles que desexen levar a cabo o proceso pola súa conta) será a mesma se se desexa tramitar en nome doutro cidadán dependente e deberá entregarse na xefatura provincial de telecomunicacións situada na Ronda da Muralla 131.

A medida, da que se beneficia o Concello de Lugo, está impulsada polo Ministerio de Industria a través do Plan Avanza.

Toda a información sobre as axudas pode atoparse nos centros sociais do Concello, chamando ao 010 ou na web www.lugo.es .

Noticias relacionadas