O Concello de Lugo encargará un estudo de planificación do transporte público co que comezar a implantar o Plan de Mobilidade

Martes, 05 de xaneiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou hoxe que o Concello pedirá á axencia pública que redactou o Plan de Mobilidade dous estudos. Un deles, fará referencia ao transporte público e á súa implantación que poderá comezar este mesmo ano, así como a súa temporalización. O segundo dos traballos versará sobre a posta en marcha da primeira supermazá na cidade.

López Orozco destacou o protagonismo de todos os cidadáns na implantación do plan e o interese do Goberno Local por aceleralo. Subliñou que a reunión de hoxe foi moi frutífera, “o que levará a que Lugo conte cun plan integral para recuperar espazos públicos para o conxunto dos cidadáns”.

O Alcalde de Lugo mantivo hoxe a primeira xuntanza da comisión executiva do Plan de Mobilidade composta polos grupos políticos con representación no Concello. Tal e como destacou López Orozco, o Goberno Local pretende que a comisión sexa a encargada de executar o plan e definir a súa temporalización.

Explicación pública do plan
Entre as decisións tomadas na reunión de hoxe, López Orozco explicou que se levará a cabo unha explicación pública do Plan co obxectivo de que a poboación o coñeza de xeito pormenorizado e poida facer as súas aportacións. A esta reunión pública preténdese que asista algún membro da corporación de Vitoria, cidade na que se está a implantar un plan similar, así como algunha sociedade veciñal que relate a súa experiencia na implantación do mesmo.

López Orozco explicou que se ten elixido Vitoria por tratarse dunha cidade con características semellantes ás da cidade de Lugo.

Na súa intervención, López Orozco avanzou tamén a constitución de tres foros encargados de estudar o plan e consensualo socialmente. Os foros estarán compostos por unha persoa que designe cada grupo e tratarán sobre o transporte público, os espazos urbanos e a peonización, tráfico, transporte privado e aparcamentos.

Colaboración universitaria
O Goberno Local contará así mesmo coa colaboración dun bolseiro procedente da Universidade de Santiago, da Escola Politécnica Civil sobre Transporte e Mobilidade que actuará como a persoa de referencia administrativa en relación co plan, ao tempo que participará en todos os foros que se celebren.

Multimedia

Noticias relacionadas