O Concello de Lugo, en loita contra a violencia de xénero

Ana Abelleira presentará no Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade o Pacto cidadán por un Lugo libre de violencia de xénero, un documento para conseguir o rexeitamento social á violencia machista

O Goberno defenderá no vindeiro Pleno unha moción de apoio á marcha contra a violencia machista, que contempla accións de sensibilización, de promoción da igualdade e de prevención da violencia contra a muller

Venres, 23 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentará no Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, que se celebrará o vindeiro 3 de novembro no Salón de Plenos do Concello, o Pacto cidadán por un Lugo libre de violencia de xénero. Trátase dun documento que ten por obxectivo conseguir o rexeitamento social a calquera acto de violencia contra as mulleres, así como de promover modelos alternativos de convivenica, no marco da cultura da igualdade, e conseguir unha tolerancia cero cara a violencia de xénero.

“Co Pacto cidadán por un Lugo libre de violencia de xénero queremos facer un chamamento á concienciación cidadá para loitar entre todos contra esta intolerable lacra social, da que foron vítimas no que vai de ano 36 mulleres, sen esquecer aos menores que a padecen e ás súas familias e amizades”; asegurou González Abelleira.

“O Concello de Lugo está comprometido coas políticas a prol da igualdade entre mulleres e homes”, subliñou a edil, quen lembrou os tres plans de igualdade de oportunidades aprobados, as accións de sensibilización desenvolvidas nos ámbitos deportivo, cultural, educativo ou social ou o servizo de atención social, psicolóxica e xurídica que ofrece a entidade local dende a Casa da Muller, que no que vai de ano atendeu a máis de 250 mulleres e 3.700 consultas.

O pacto fai fincapé en traballar a prol da igualdade como eixe vertebrador da sociedade, creando redes de actuación conxunta para as administracións, as entidades e asociacións para actuar e mobilizarse conxuntamente contra a violencia machista, que supón un dos principais problemas sociais. A magnitude do mesmo visualízase nas “preocupantes cifras”, tal e como as definiu a edil, máis de 30.200 denuncias por violencia de xénero no primeiro trimestre do ano, preto de 3.500 homes condenados e preto de 4.800 ordes de proteción neste mesmo período.

O pacto obriga aos asinantes a organizar actividades de sensibilización e prevención e a crear espazos libres de violencia de xénero, entre outros aspectos. O Concello comprométese a apoiar as iniciativas que poidan desenvolverse en relación a erradicación da violencia contra as mulleres ou a executar o IV Plan de Igualdade, do que tamén se dará conta no vindeiro foro. O pacto renovarase anualmente, cada novembro, onde se asumirán novos compromisos.

Máis medidas contra a violencia machista

O equipo de goberno defenderá no vindeiro Pleno ordinario unha moción con motivo da marcha contra a violencia machista, que terá lugar o vindeiro 7 de novembro en Madrid. Así o anunciou Ana González Abelleira, quen avanzou que na proposición “pediremos que se acepte a colocación o día 7 de novembro na fachada do Concello dunha pancarta violeta co lema Contra as violencias machistas, así como promover a participación cidadá na marcha convocada nesta xornada polo Movemento Feminista”.

O Goberno tamén propón manter esta acción o día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero; soster todos os días do ano os recursos persoais, materiais e políticos para a igualdade de xénero e a prevención; asegurar unha atención de calidade ás vítimas, contribuír á promoción da igualdade en todos os centros educativos, realizar campañas de sensibilización, erradicar o sexismo, segregación, acoso e estereotipos en todas as actuacións e servizos, desenvolver unha atención especializada ás mulleres con discriminación múltiple e fomentar a participación da sociedade. A proposición tamén contempla o envío do acordo á Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero.

“Os Concellos, como institución máis próxima aos cidadáns, somos imprescindibles para a prevención e a atención social, xurídica e psicolóxica”; destacou a edil, ao tempo que lamentou que os concellos soamente poidan prestar servizos sociais, de promoción da igualdade de oportunidades, e de prevención da violencia contra a muller por delegación do Estado ou da comunidade autónoma financiada ao 100%, “que en absoluto cobre os 6 millóns destinados pola Xunta para a violencia de xénero nos orzamentos para o 2016”.
“Esiximos medidas reais de prevención para erradicar o terrorismo machista, o amparo das vítimas e o incremnto de medios e recursos para combatir esta lacra”, subliñou a Concelleira.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o Pacto cidadán por un Lugo libre de violencia de xénero |Descargar mp3

Noticias relacionadas