O Concello de Lugo elabora unidades didácticas sobre o LIFE Lugo + Biodinámico para que os nenos e nenas sigan a participar do proxecto

As actividades están dispoñibles na web e redes sociais do proxecto e poden ser descargadas de balde para imprimir na casa
 
O obxectivo dos diferentes xogos de busca, encrucillados e probas de creatividade é que os máis cativos coñezan o proxecto LIFE que está a transformar a cidade, sen saír da casa

Luns, 27 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo elabora unidades didácticas sobre o LIFE Lugo + Biodinámico para que os nenos e nenas sigan a participar do proxecto

A alcaldesa Lara Méndez convida a todas as nenas e nenos da cidade a participar do LIFE Lugo + Biodinámico dende os seus fogares, pondo ao seu dispor diferentes unidades didácticas coas que aprender a través do xogo sobre as diferentes accións e iniciativas do proxecto. Estas unidades didácticas atópanse dispoñibles na web do LIFE Lugo + Biodinámico (www.lugobiodinamico.eu). 

Estas actividades divulgativas teñen como obxectivo dar a coñecer a través do lecer diferentes aspectos e características do LIFE Lugo + Biodinámico. As unidades didácticas divídense en catro entregas, descargables de balde dende a web e redes sociais do proxecto.

A primeira unidade está formada por unha sopa de letras sobre as diferentes variantes galegas da castaña que se poden atopar no Souto das Gándaras e un encrucillado no que hai que atopar diferentes conceptos que definen o proxecto e as súas accións, coma poden ser o Barrio Multiecolóxico, o primeiro da súa clase en España, que servirá como modelo de construción sostible e resiliente ao cambio climático tanto para a nosa cidade coma para outras cidades medias de Europa, ou o edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público levantado en madeira de Galicia. A segunda unidade consiste nun xogo de debuxo no que, conectando os puntos, atopamos diferentes follas de especies do Arboretum.

A terceira unidade didáctica ten como obxectivo que os nenos e nenas aprendan os principios básicos da construción ecosostible coa que se vai desenvolver o edificio Impulso Verde e que servirá base tanto para a edificación do Barrio Multiecolóxico da Garaballa, planificado para 1.200 vivendas, que garantirá a inclusión e a equidade social e interxeracional, promovendo a saúde e o benestar mediante o desenvolvemento dunha aldea urbana, coma para as novas vivendas que se constrúan no futuro na nosa cidade.

A cuarta e última unidade consiste nun xogo de busca no que hai que completar diferentes actividades a través da información das mesas de interpretación instaladas no Arboretum, que se poden atopar na páxina de Recursos da web (www.lugobiodinamico.eu/recursos).

Todas estas actividades estarán dispoñibles tanto na web do proxecto coma nas súas redes sociais a partir do venres 24 de abril, para descarga de balde. Deste xeito o Concello de Lugo, a través do LIFE Lugo + Biodinámico, axuda tamén a facer que estes días de confinamento pola crise sanitaria do COVID-19 sexan máis entretidos para os máis pequenos da casa.

O Proxecto LIFE Lugo + Biodinámico é un dos piares do modelo de cidade que impulsa o Goberno de Lara Méndez, que une de xeito indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica. O obxectivo é situar a Lugo como un referente europeo na loita contra o cambio climático en contornas urbanas, ao tempo que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais dispoñibles, apostando firmemente por unha economía sostible e a xeración de empregos verdes.

Neste proxecto cofinanciado pola Unión Europea, o Concello de Lugo está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidad Politécnica de Madrid. Toda a información relativa ao proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, as súas actividades e accións de divulgación está recollida na web lugobiodinamico.eu e nos espazos en redes sociais do proxecto europeo.

Máis info

Noticias relacionadas