O Concello de Lugo elabora unha enquisa cidadá para desenvolver un diagnóstico urbano, social e ambiental no marco do LIFE

A enquisa, de carácter anónima, tamén quere coñecer a apreciación colectiva sobre a incidencia do cambio climático no municipio e na provincia.
A alcaldesa Lara Méndez sostén que “nos servirá para analizar a percepción da cidadanía sobre esta ameaza global, ante a que nos adiantamos na adopción de medidas en Lugo”.

Luns, 23 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo está a desenvolver unha enquisa aberta á veciñanza de Lugo e á súa contorna no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, que impulsa na súa estratexia de cidade sostible e co fin de avanzar no deseño das urbes sostibles europeas de tamaño medio. O fin da enquisa é desenvolver un diagnóstico urbano, social e ambiental, así como coñecer a apreciación colectiva sobre a incidencia do cambio climático no municipio e na provincia.

Entre os parámetros que se queren analizar destacan os relativos ao cambio climático en xeral, sobre os coñecementos dos veciños e veciñas acerca das súas causas e consecuencias e sobre as medidas que adoptan no seus fogares para reducir a pegada ambiental. Tamén se interpelará sobre as nocións que se poidan ter sobre a bioeconomía e a economía circular, e preguntarase sobre os temas vinculados co proxecto LIFE en Lugo. 

A enquisa, que é aberta e anónima, analizará todas estas opinións segundo as idades e as ocupacións dos participantes.

A acción, segundo destaca a alcaldesa Lara Méndez, “serviranos para analizar máis a fondo a percepción da cidadanía sobre o cambio climático nun contexto no que se presenta como unha ameaza global e no que o Concello de Lugo se adiantou xa na adopción de medidas para atallar os problemas derivados, apostando por liderar unha revolución cara un desenvolvemento urbano sustentable a través da madeira que sirva de exemplo transferible a outras cidades da UE”.

A enquisa está recollida dentro das accións incluídas na planificación previa á creación do Primeiro Barrio Multiecolóxico de España, que se executará na Garaballa, “polo que a participación e as suxestións da veciñanza son de especial importancia para o desenvolvemento do noso proxecto”.

A enquisa poderá cubrirse desde ente enlace:

O LIFE Lugo+Biodinámico é un proxecto impulsado polo Concello de Lugo, cofinanciado polo Concello, fondos europeos e a Deputación, e que se desenvolve coa colaboración do Campus Terra e a Universidade Politécnica de Madrid.

Noticias relacionadas