O Concello de Lugo e a USC promoven o emprendemento empresarial entre os universitarios lucenses

Xoves, 08 de xaneiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela organizaron hoxe unha xornada baixo o nome “Lugoemprende na Universidade” na que estiveron presentes a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e os decanos das facultades de Administración e Dirección de Empresas, Humanidades, Ciencias e Veterinaria, ademais dos directores da Escola Técnica Superior e das Escolas de Enfermaría, Maxisterio e Relacións Laborais.

O obxectivo desta xornada foi presentar as actividades que levará a cabo o Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo en colaboración coa USC para incentivar nos estudantes do Campus lucense o emprendemento como saída profesional. Nas accións que se levarán a cabo dentro do programa Lugo Emprende presentaranse todas as posibilidades de apoio ao emprendemento que ofrece a iniciativa Uniemprende da USC ( plan que pretende incrementar a vocación empresarial entre os membros da comunidade unviersitaria prestando especial atención aos procesos de investigación científico-tecnolóxica con potencial suficiente para transformar unha idea incipiente nunha empresa con expectativas de futuro), así como o programa Lugo Innoemprende que desenvolverá o CEI-NODUS a partir deste ano.

O programa incluirá a celebración de xornadas de difusión da cultura emprendedora, nas que se tratará de maneira práctica a xeración e maduración de ideas empresariais, a elaboración do plan de empresa e a posta en marcha dunha iniciativa empresarial. Esta experiencia, que terá lugar durante o presente curso escolar, nace con vocación de futuro e será a primeira dunha serie de colaboracións en favor do emprendemento entre o Concello de Lugo e a Universidade de Santiago.

Os participantes nesta xornada celebrada no CEI-NODUS, asistiron á ponencia Uniemprende: Programa para a Creación de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela a cargo de José Luís Villaverde Acuña (Director Asociado do CITT da USC). Ademais, presentouse ante os asistentes o Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo, unha iniciativa para a promoción económica da cidade e un apoio á posta en marcha de novas iniciativas empresariais. As súas actuacións centranse en facilitar a creación de empresas de carácter innovador, a formación en materia de xestión e innovación empresarial así como o asesoramento en proxectos vinculados a I+D+i.

Noticias relacionadas