O Concello de Lugo é o que máis reduciu a súa débeda no ano 2009 de todas as cidades galegas

Martes, 13 de abril de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo é a cidade de Galicia na que máis se reduciu a débeda e a terceira entre as capitais de provincia de España, segundo o informe sobre a débeda contraida polos Concellos no ano 2009, publicado polo Ministerio de Economía e Facenda do que deu conta esta mañá a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

A débeda do Concello de Lugo diminuíu case un 8% no ano 2009 respecto do 2008. Pasou de 43.700.000 euros a 40.200.000. Comparando estes datos co do resto das cidades de España, só hai dez capitais de provincia españolas que estean menos endebedadas que Lugo.
Por habitante a débeda de Lugo é de 421 euros, mentres que en cidades como Ceuta chega a 2.500 euros e en é Madrid de 2.100 euros.

Méndez salientou que para o Goberno local estes datos “reflicten que temos unha economía saneada e fan que non sexa necesario aprobar un plan financeiro de saneamento que conleve subas fiscais”. Tamén indicou que o recorte do endebedamento é resultado do exercicio de austeridade que leva facendo o Concello dende o ano 2008. Esta austeridade reflectiuse, segundo a Concelleira de Economía, no Orzamento municipal deste ano que diminuíu en 12 millóns de euros. Méndez tamén explicou que a rebaixa do Orzamento “non afectou o máis mínimo ó gasto social, que se viu incrementado”. De feito, engadiu Sonia Méndez, Lugo é a primeira cidade en gasto social de España. E o recorte do Orzamento de 2010 tamén se fixo “sen que se resentisen os investimentos en obras”, sinalou a responsable municipal de Economía. Neste sentido informou de que os investimentos en obras no 2009 medraron un 82%. O ano pasaron o investimento foi de 26.100.000 euros, 11.800.000 euros máis ca no 2008.

Multimedia

Noticias relacionadas