O Concello de Lugo e Correos asinan un convenio para facilitar aos lucenses o pago de recibos municipais a través de xiro postal

A Alcaldesa e o Presidente da Sociedade Estatal deron conta este martes da posta en marcha deste novo servizo que poderá ser solicitado a partir de hoxe

Lara Méndez: “con este convenio damos resposta a unha demanda de numersos veciños e veciñas para os que o pago mediante xiro postal é unha opción máis cómoda e accesible”

Martes, 14 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo e Correos asinan un convenio para facilitar aos lucenses o pago de recibos municipais a través de xiro postal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A., Juan Manuel Serrano, asinaron este martes un convenio para facilitar aos lucenses o pago de recibos municipais a través de xiro postal. Así o avanzou a rexedora, quen subliñou que “queremos poñer a disposición dos cidadáns unha nova fórmula para realizar o abono de taxas, impostos e outras contribucións, achegando novas posibilidades para o pago de tributos aos contribuíntes”. No acto de sinatura do convenio tamén participou o Director da Zona 1 de Correos, José Angel del Río Tembrás.

Lara Méndez explicou que “con este convenio damos resposta, así mesmo, a unha demanda de numerosos veciños e veciñas, para os que o pago mediante xiro postal é unha opción máis cómoda e accesible”.

Así, os lucenses dispoñen dende hoxe dun novo método, cómodo e áxil, para o pago de recibos. O convenio asinado terá unha duración de catro anos, prorrogables. Para facer uso desta nova modalidade de pago, Correos cobrará aos interesados as tarifas que ten actualmente estipuladas para o servizo de xiro postal.

Cómpre subliñar que o Concello abordou en outubro do pasado ano a modificación de 9 Ordenanzas municipais para adaptalas ao actual marco normativo e gañar en concreción. Deste xeito, a nova Ordenanza Fiscal Xeral, en vigor dende xaneiro de 2020, incorporou a posibilidade de pagamento dos tributos mediante diferentes modalidades nas que se inclúen os sistemas electrónicos, co fin de evitar que os contribuíntes teñan que realizar estas operacións obrigatoriamente de forma presencial nas entidades bancarias.

Multimedia

  • O Concello de Lugo e Correos asinan un convenio para facilitar aos lucenses o pago de recibos municipais a través de xiro postal

Noticias relacionadas