O Concello de Lugo destinará medio millón de euros á renovación das canalizacións de fibrocemento en 10 rúas do Grupo La Paz

A Xunta de Goberno Local adxudicará mañá os traballos cos que a área de Medio Ambiente pretende substituír a rede de abastecemento e modernizar o saneamento da zona.

A actuación, que inclúe tamén a reposición do pavimento das beirarrúas desta urbanización, afectará a 187 acometidas, 62 delas pluviais.

“Trátase de mellorar a calidade dos servizos públicos, de facelo apostando por infraestruturas máis sostibles e eficientes, optimizando a prestación”, sinalou Lara Méndez.

A intervención, que ten un prazo de execución de 6 meses, súmase ás xa realizadas noutros puntos da capital, nas que o Executivo local investiu 1’2 millóns de euros.

Martes, 22 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo destinará medio millón de euros á renovación das canalizacións de fibrocemento en 10 rúas do Grupo La Paz

O Executivo de Lara Méndez continúa avanzando na eliminación das canalizacións da traída municipal que conteñen fibrocemento.

A Xunta de Goberno Local adxudicará mañá á empresa Proyecon Galicia S.A os traballos cos que a área de Medio Ambiente, que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, pretende renovar a rede de abastecemento e modernizar o saneamento da zona.

“Trátase de mellorar os servizos públicos, de facelo apostando por infraestruturas máis eficientes e de incrementar a calidade da prestación que xa se dá”, afirmou Lara Méndez.

“De maneira que, coa eliminación do fibrocemento acadaremos varios propósitos: ter unha rede de abastecemento máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo na cidade, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións que se producen sobre a calzada, diminuíndo o número de incidencias e aumentando a durabilidade das dotacións”.

A alcaldesa anunciou que, en total, se actuará sobre 187 acometidas, 62 delas pluviais,concentrando, fundamentalmente, os esforzos en dez rúas: Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote.

Esta intervención, na que investiremos máis de medio millón de euros (514.110 €), ten por obxecto poñerlle fin a aquelas avarías que teñen a súa orixe, principal e precisamente, en seren as conducións de fibrocemento, xa que esta substancia é moito máis sensible aos contrastes climatolóxicos e presenta, á súa vez, unha maior predisposición ás roturas e menor tolerancia ás variacións de fluxo da traída. Polo que, con ela queremos eliminar esta casuística e rematar, alén, cos trastornos que lle ocasiona á veciñanza”, sinalou a rexedora.

Méndez lembrou, asemade, que a obra pasará a engadirse ás xa realizadas ao respecto noutros puntos da capital como é o caso das rúas Bataneira e Figueira, en Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, na marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e en boa parte do barrio da Cheda que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara, o que “dá conta da vontade de continuidade que ten para o Goberno local este plan municipal”.

Pola súa banda, o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, detallou que “a substitución das tubaxes actuais se fará por outras de función dúctil ao tempo que tamén se levará a cabo a renovación dos colectores de saneamento que verten á rúa Armórica e á Rolda de Fingoi que, pola súa antigüidade e polos materiais cos que foron construídos (formigón), presentan deficiencias no seu funcionamento. Ademais, previamente á posta en marcha das novas canalizacións, realizaráselles un lavado e desinfección para que poidan operar en condicións óptimas”, apuntou o edilquen tamén sinalou que os traballos terán un prazo de execución de 6 meses.

A nosa prioridade non é outra que a de optimizar o servizo e poder ofrecelo nas mellores condicións posibles ás e aos usuarios”, concluíu o responsable de área.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a adxudicación e renovación do fibrocemento ó Grupo La Paz | Descargar mp3

Noticias relacionadas