O Concello de Lugo destina 54.000 euros para subvencionar obras de mellora nas vivendas de persoas maiores dependentes

Luns, 24 de agosto de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade e Alcaldesa en Funcións, Carmen Basadre, presentou hoxe unha nova liña de axudas do Concello de Lugo para a mellora da accesibilidade e habitabilidade de vivendas de persoas maiores dependentes.

A Concelleira explicou que o prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o día 1 de novembro de 2009 no Rexistro da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo. Despois haberá un prazo de 2 meses para notificar a concesión das axudas e seis meses para realizar a obra e xustificala.

As bases establecen que a concesión de subvencións irá destinada a propietarios e inquilinos de vivendas sitas en Lugo co fin de acometer obras de reparación, rehabilitación, adaptación e mellora da accesibilidade e habitabilidade das mesmas. O Concello de Lugo pretende, con esta medida, mellorar a calidade de vida dos beneficiarios das axudas para as que se destinarán un total de 54.000  euros.

Basadre explicou que ”consideramos que en vista de que hai persoas dependentes que non poden desenvolverse adecuadamente nas súas vivendas queremos facilitarlles a súa accesibilidade potenciando tamén unha vida mellor e que se desenvolvan axeitadamente, tanto eles como as persoas que os coidan”.

Serán subvencionables as pequenas obras de reforma e reparacións que permitan acadar a accesibilidade da vivenda; a existencia e correcto funcionamento de servizos sanitarios e cociñas, de instalacións eléctricas, de instalacións de saneamento e fontanaría; a existencia e correcto funcionamento de sistema de calefacción, de extracción de fumes e ventilación; illamento térmico; illamento acústico, adecuación distribución de espazos interiores; iluminados e ventilados, e sistemas de aforro enerxético. Quedan excluídas desta subvención os arranxos nos elementos comúns das vivendas e os edificios do ARI do Centro histórico e do Sagrado Corazón que xa reciben axudas doutras administracións.

Poderán acollerse á presente convocatoria os propietarios e propietarias, ou inquilinos  e inquilinas de vivendas, sempre e cando constitúa o seu domicilio habitual e permanente, e reúnan os seguintes requisitos:

a.- Que vivan sós

b.- Que teñan unha idade igual ou superior a 65 anos 

c.- Que sexa persoa dependente ( para o caso de ter recoñecido a situación de dependencia), padezan unha discapacidade igual ou superior ó 33% ou teñan diagnosticado a enfermidade de alzheimer.

d.- Que teñan uns ingresos que non excedan 1,5 veces o IPREM.

As solicitudes, que deberán ser presentadas no Rexistro de Evislusa ou no Rexistro do Concello de Lugo, non poderán exceder os 4.000 euros por persoa e non poderán solicitala os beneficiarios desta axuda do ano 2008.

O Concello de Lugo concedeu no 2008 esta axuda a sete persoas maiores dependentes, para o que se destinaron un total de 26.400,75 euros.

EVISLUSA (Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo, S.A.)

Multimedia

Noticias relacionadas