O Concello de Lugo destina 430.000 euros a solucionar as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio para abrilo con seguridade

O estudo que encargou conclúe que as instalacións presentan deficiencias de consideración nos sistemas de protección contra incendios, de gas, ventilación e climatización.

Lara Méndez deu a coñecer esta mañá “in situ” os principais danos que sofre o inmoble, entre os que se atopan múltiples filtracións que afectan incluso aos acabados do inmoble.

Segundo o estudo, o deterioro é froito de erros construtivos, pero fundamentalmente da falta de mantemento durante o tempo que o inmoble estivo desocupado ata a súa recepción.

Ao estar caduca a garantía das obras, o executivo local sacará unha licitación para o arranxo das mesmas co fin de que a dotación poida estar en funcionamento despois do verán.

Cos novos custes, as arcas municipais financiarán o 21% do total do investimento.

Mércores, 31 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo destina 430.000 euros a solucionar as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio para abrilo con seguridade

O novo Auditorio de Magoi precisará dun investimento mínimo de 430.000 euros para poder abrir as súas portas debidamente acondicionado e con todas as garantías de seguridade para o público. Así o determina un detallado informe, contratado polo Concello, para avaliar en que estado foi entregado o inmoble.

Este completo dossier, de 110 páxinas, recolle máis de 220 deficiencias que atinxen a cuestións relacionadas fundamentalmente coa aparición de filtracións, carencias dos equipamentos ou defectos de relevancia nos sistemas de protección contra incendios e mesmo nas instalacións de gas, ventilación e climatización así como nos propios acabados da edificación.

A alcaldesa, Lara Méndez, daba conta, esta mañá, durante unha visita ao Auditorio acompañada de varios técnicos, das principais eivas detectadas.

“Trátase, segundo indican as conclusións do informe elaborado, que o deterioro que presenta o edificio é froito dalgúns erros construtivos pero fundamentalmente do tempo que o inmoble estivo desocupado, sen uso e tamén sen mantemento, ata a súa entrega, pola que agardamos 15 anos. Cómpre lembrar que logo de rematar as obras en abril de 2016, o equipamento da dotación non comezou a instalarse até febreiro de 2019”, recordou a rexedora.

Lara Méndez indicou que logo de que a instalación fose recepcionada o pasado mes de xuño e ante o criterio técnico que sinalaba a necesidade de avaliar con exactitude as condicións nas que se encontraba a construción co fin de que a súa apertura non supuxera ningún risco para as persoas usuarias e traballadoras, a administración local procedeu a encargar unha avaliación global. “Un contrato que foi outorgado por 13.310 euros á empresa Inxenium, que elaborou un proxecto de execución de obras no exterior e de posta en marcha das instalacións”, aclarou.

Previamente, houbo que contratar o acondicionamento mínimo da instalación eléctrica co fin de solicitar o subministro definitivo, que se obtivo en novembro de 2020, e o seu reglaxe, traballos que costaron 31.117 euros e que permitiron comezar as probas de funcionamento das distintos instalación técnicas, traballos necesarios e obrigados para realizar o informe definitivo da situación do inmoble e o seu equipamento.

A alcaldesa explicou que a estes gastos, agora haberá que sumar os 320.756 euros nos que foron estimados os arranxos e ao redor de 65.000 euros do axardinamento da parcela, polo que “as e os lucenses deberemos sufragar agora 430.183 euros antes de poder  inaugurar o novo centro cultural”, explicou Lara Méndez, que elevou o investimento municipal até preto dos 4 millóns de euros. “Tendo en conta que o equipamento técnico tamén o pagou a cidadanía á través da exención do IBI de varios centros sanitarios da que se beneficiou á Xunta como contraprestación por adiantar os cartos, e que xa previamente adiantamos outro millón de euros máis”, subliñou, “finalmente, as arcas municipais costearán o 21% do total do investimento do novo Auditorio”.

A alcaldesa debullou a continuación as principais problemáticas das que adoece o Auditorio e que demostran “que houbera sido unha auténtica temeridade permitir o acceso ao mesmo, cun acto público – como pretendeu até en dúas ocasións o anterior Delegado Territorial – antes de solucionalas”.

Así, relatou que das 23 categorías de deficiencias que recolle a memoria, hai 13 nas que se concentran a maioría dos danos detectados e que afectan ás instalacións de saneamento, fontanería, de protección contra incendios, de ventilación e climatización, gas, electricidade, televisión, fontanería e mesmo a xestión e control do recinto, con repercusión sobre a propia estrutura do inmoble e dos seus acabados e avanzou que o Concello sacará a licitación un contrato para resolvelas de forma conxunta, “polo que agardamos que todas estas carencias queden resoltas despois do verán e que o Auditorio poida, nesa data, abrir, por fin, as súas portas”.

Entre os danos máis importantes existen numerosas filtracións de auga en todas as plantas. Dende o exterior dos accesos ao aparcamento onde, por exemplo, hai escorrentía nun muro da entrada ao garaxe que mesmo produce charco, ata dentro do propio estacionamento onde as fugas chegan dende o teito e están a arrastrar ferro. Trátase de pingueiras bastante antigas que, ao parecer, proceden da entrada á cafetería, dúas plantas máis arriba.

Outras das filtracións detectadas orixínanse por sumidoiros atrancados polo que será necesario facer un desatasco dos mesmos así como unha limpeza do patio con hidrolimpadora. Alén, foron atopados numerosos danos por auga en puntos como a sala de ventilación próxima a algunha das prazas de parking onde a súa magnitude obriga a darlles outro tipo de solución construtiva xa que hai varios casos con desprendementos en todo o garaxe.

Froito das mesmas é posible apreciar corrosión en capiteis de piares e óxido no chan e no fuste das vigas. Un problema que se repite en varias plantas do estacionamento e tamén nos corredores do edificio, na sala de climatizadores, nos vestíbulos, na cuberta da caixa escénica, no corredor da sala de enfriadoras e no cuarto de caldeiras. Atopouse, ademais, que na zona de ascensores de congresos, no nivel 3, a lámina de impermeabilización está gretada, rota e con fragmentos desprendidos.

Igualmente, deuse conta de que foron atopadas diversas anomalías nas instalacións de protección contra incendios.

Detectouse unha fuga na xunta de varios tubos ao longo do recinto. No nivel 2, no escenario da sala de teatro, a cortina cortafume está obstaculizada pola estrutura de son, os detectores de monóxido de carbono do garaxe nin sequera están montados e ademais foron amoreados na sala de videovixilancia. De igual maneira, o informe relata que aínda que os equipos de climatización están en boas condicións non é posible avaliar o estado real do sistema de control dado que resulta imprescindible refacer unha reprogramación completa.

Así mesmo será indispensable realizar unha limpeza do sistema de control de instalacións, con aplicación de biocidas que permitan garantir a eliminación de todo microorganismo, xerme ou fungo que puidese proliferar nas distintas partes e compoñentes, xa que tras todo o tempo transcorrido as placas das unidades de climatización e as centrais perderon a programación e todo o sistema debe ser reprogramado.

Existen ademais outras anomalías como que na sala de ventilación o illante está en mal estado con humidade por condensacións nalgúns puntos e presenta corrosión e depósitos por filtracións. Tamén hai danos na sala de enfriadoras no cadro xeral de climatización da cafetería e mesmo nos canlóns eléctricos así como oxidacións nas bancadas das máquinas. En determinados percorridos frigoríficos obsérvanse pequenas deformacións nas tubaxes así como unha abundante proliferación de vexetación nas terrazas e até niños de paxaros aloxados no interior dalgunhas unidades de climatización polo que será necesario realizar unha limpeza e desinfección de todas as unidades.

A avaliación realizada apunta a erros na instalación de televisión, que seguramente haxa que cambialos, substituíndo a totalidade dos equipos de cabeceira por unha central programable.

En canto á instalación de gas detectouse óxido nas tubaxes con filtracións na xunta de dilatación sobre eles no corredor de circulación xunto á sala de ventilación. E sobre a instalación de fontanería nas billas existen múltiples deficiencias no cuarto de limpeza, con chaves corroídas, danos por humidade, fugas nos inodoros e goteos nas piletas de varios vestiarios e caudais mal regulados, polo que se proxectan cambios de billas, lixado así como imprimacións protectoras anti ferruxe.

O balance realizado apunta tamén a numerosas eivas na instalación eléctrica con instalacións deficientes en canto á programación de rega, cableado que colga, perigosamente, sobre algunhas prazas de estacionamento, ou que están soltos por exemplo nos aseos e duchas reservadas a persoas con mobilidade reducida. Algúns detectores están mal regulados, as luminarias de emerxencia teñen restos de humidade e hai corrosión nos canlóns do cableado.

E xa no que respecta a albanelería e os acabados, hai múltiples danos nas paredes, falsos teitos e nos tabiques e humidades nos marcos das fiestras. Ademais existen gretas, por exemplo, no corredor da sala de exposicións, nos vestiarios. Tamén hai fendas nas xuntas do pavimento do escenario e manchas no propio firme así como danos por humidade capilar no muro de acceso aos vestiarios colectivos. En canto a zona de oficinas, se inunda cando chove porque o exterior desa parte do edificio non foi impermeabilizada.

Para finalizar, resulta significativo que a propia certificación enerxética do edificio estea sen rexistrar e a que se achega non estea asinada por un técnico habilitado.

Audio

 

Multimedia

  • O Concello de Lugo destina 430.000 euros a solucionar as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio para abrilo con seguridade
  • O Concello de Lugo destina 430.000 euros a solucionar as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio para abrilo con seguridade
  • O Concello de Lugo destina 430.000 euros a solucionar as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio para abrilo con seguridade
  • O Concello de Lugo destina 430.000 euros a solucionar as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio para abrilo con seguridade
  • O Concello de Lugo destina 430.000 euros a solucionar as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio para abrilo con seguridade
  • O Concello de Lugo destina 430.000 euros a solucionar as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio para abrilo con seguridade
  • O Concello de Lugo destina 430.000 euros a solucionar as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio para abrilo con seguridade

Noticias relacionadas