O Concello de Lugo, a Deputación e a Xunta reuníronse para estudar a colaboración do parque da capital co Consorcio Provincial de Bombeiros

Mércores, 03 de marzo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, participou hoxe xunto con técnicos do Concello, da Deputación e da Xunta de Galicia nunha mesa de traballo na que se abordou a posible prestación de servizos do parque da cidade á área de Lugo e buscar as fórmulas xurídicas que permitan a comarcalización, de xeito que se garanta a cobertura en materia de extinción de incendios a esa zona da provincia.

José Rábade amosou a disponibilidade do Concello de Lugo de participar explicando as tres vías a seguir:

1. estudar a viabilidade xurídica da colaboración, se está se fai a través de convenio ou da integración no Consorcio
2. Tipo de ordenanzas a modificar
3. Elaboración dun informe técnico das necesidades de persoal e material que tería a maiores o parque da capital.

Así, resaltou “se o informe e a vía xurídica son asequibles entraríase a negociar cos integrantes dos parques de bombeiros”.

O Concelleiro destacou, ademais, que os traballadores son municipais, polo que a súa disponiblidade ten que ser condición indispensable na negociación. O que se trata é de que o parque de Lugo cubra parte das necesidades do Consorcio na área de Lugo, que está formada polos 7 Concellos limítrofes: Corgo, Friol, Pol, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Castroverde, Guntín e Rábade. Nesta prestación tamén se inclúe o municipio de Rábade.

Na xuntanza tamén se fixou unha nova reunión para mediados deste mes na que se dará conta do informe que elaborarán os técnicos do Concello de Lugo e se definirán novos pasos a seguir na posta en marcha dos parques. A este respecto o Deputado provincial, Juan José Díaz Valiño lembrou que “en 2010 abriranse as instalacións de Barreiros, Chantada, e Sarria. Asimesmo, en maio rematarán as actuacións no parque de Vilalba e, a finais de ano, as de Viveiro, para que ambos os dous estén en funcionamento en 2011.

Ademais do Deputado provincial e do Concelleiro da Protección da Comunidade, na mesa de traballo tamén participaron o Subdirector Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, José Antonio Fernández, o Secretario Xeral do Consorcio, José Antonio Mourelle, e o Secretario e a Xefa de Persoal do Concello de Lugo, Luis Regal e Marta López.

Noticias relacionadas