O Concello de Lugo cumpre coas súas responsabilidades en materia de conservación da Muralla

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medioambiente, Lino González Dopeso, ofreceu un balance das accións desenvoltas polo goberno municipal na Muralla e no seu entorno ao longo destes dous mandatos. O edil puntualizou que “a titularidade deste monumento é da Consellería de Cultura”, polo que os traballos de conservación e mantemento da fortificación, como a limpeza de herbas do paramento vertical, corresponde a dita consellería.

Lino González Dopeso lembrou que o anterior delegado provincial de Cultura do goberno do PP, Antonio Calvo, paralizou os traballos de retirada de vexetais da Muralla, iniciados polo Concello, debido a que eran competencia da Consellería de Cultura e debían ser desempeñados polos seus técnicos cualificados.

O marco de colaboración entre ambas institucións establece as competencias de cada unha en materia de conservación do monumento Patrimonio da Humanidade. Neste ámbito, ao longo dos últimos oito anos, o Concello leva investidos 7.530.138 euros nas actuacións que lle corresponden e que teñen que ver con: tarefas de promoción e posta en valor da Muralla, mantemento do seu entorno ou labores de vixiancia e protección policial.

O edil precisou que os gastos anuais que afronta o Concello nos distintos campos de actuación son os seguintes:
- Mantemento do alumeado ornamental exterior: 43.228 euros
- Consumo do alumeado ornamental exterior: 13.821 euros
- Servizos de limpeza: 109.958 euros
- Mantemento de zonas verdes: 29.874 euros
- Vixianza policial: 10.079 euros

Outros investimentos corresponden ás zonas colindantes coa Muralla, como son os xardíns da Ronda da Muralla, o canil do Carril das Estantiguas ou a finca do IGVS; nos que o Concello investiu 178.958 euros.

O edil explicou que a Lei de Protección do Patrimonio Histórico restrinxe as intervencións nos monumentos catalogados co fin de conservar do xeito máis fidedigno posible o seu aspecto orixinal, polo que as propostas realizadas polo grupo municipal popular de instalar papeleiras no adarve da Muralla e axardinar os cubos suporían unhas intervencións moi agresivas e contrarias á normativa de protección. Nesta liña, Lino González Dopeso indicou que “os lucenses dispoñen de papeleiras nas que depositar o lixo e os excrementos de cans, en cada un dos accesos á Muralla”.

Ademais, o concelleiro informou das distintas iniciativas promovidas polo goberno municipal en materia de promoción do monumento bimilenario e da súa posta en valor, entre as que destacou o Centro de Interpretación da Muralla. Este museo especializado servirá para difundir os dous mil anos de historia da Muralla aos lucenses e aos visitantes. Este ambicioso proxecto conta cun orzamento de 1.232.250 euros e atópase na última fase desde finais de xuño, cando se adxudicou a instalación do programa museográfico.

As visitas teatralizadas, os materiais de difusión e de información turística ou a creación da marca “Muralla de Lugo” son outros dos proxectos que, segundo o edil, exemplifican a tarefa de promoción do monumento desempeñada polo Concello e á que destinou 469.185 euros nos últimos anos. Ademais, a celebración do Arde Lucus e do San Froilán serven para dar a coñecer a Muralla aos centos de miles de visitantes que recibe a cidade nestas festas.

O Concelleiro de Mediambiente anunciou que se está a traballar coa Consellería de Cultura na redacción dun convenio entre ambas institucións para establecer novas bases de cooperación para a conservación do monumento máis importante que ten Lugo e que servirá para coordinar dun xeito máis eficaz as distintas tarefas de mantemento.

Respecto ao paseo interior, Lino González Dopeso anunciou que ten intención de retomar o antigo proxecto de abrir un paseo interior desde a Porta Falsa ata a Rúa do Teatro para o que “espero contar coa colaboración do novo goberno provincial no que sería un dos traballos de recuperación do entorno da Muralla máis importantes, tanto para a potenciación do monumento como para o goce de todos os lucenses”, tal e como manifestou o edil.

Noticias relacionadas