O Concello de Lugo convoca unha nova edición dos certames contra a violencia de xénero

Venres, 12 de setembro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

González Abelleira presentou os concursos de deseño gráfico, fotografía e de narrativa xuvenil que convoca Benestar Social e Igualdade para concienciar da necesidade de acabar co machismo

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana G. Abelleira, presentou esta mañá unha nova edición dos certames de deseño gráfico, fotograía e de narrativa xuvenil que convoca o Concello de Lugo para difundir a importancia de acabar coa violencia de xénero e o machismo.

Ana González Abelleira destacou que “consideramos que se deben seguir convocando estes concursos, a pesar de que os concellos non teñen competencia en materia de Igualdade debido á Reforma Local, porque as estatísticas de mulleres que morren pola violencia de xénero demostran que é necesario sensibilizar á poboación adulta e, sobre todo, é fundamental seguir educando en igualdade á poboación moza”.

Por este motivo, o Concello de Lugo, explicou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade volve convocar este ano os tres certames que organiza a Casa da Muller.

O primeiro deles é o concurso de Deseño Gráfico contra a Violencia de Xénero, no que os participantes deberán destacar o tema da violencia de xénero e no que se valorará o impacto das frases ou lemas que conteñan ditos deseños. Será requisito indispensable que figuren os logotipos da Casa da Muller e do Concello de Lugo. O traballo gañador servirá como cartel anunciador da Xornada contra a Violencia de Xénero, que se celebra no mes de novembro, e como campaña de sensibilización e difusión en materia de prevención. O premio está dotado con 600 euros e un agasallo. O prazo para participar remata o 15 de outubro e os traballos terán que enviarse á Casa da Muller.

Tamén se presentou o V Certame de fotografía Revelando o Machismo, onde os traballos presentados teñen que plasmar unha imaxe relativa á desigualdade entre homes e mulleres, o sexismo, ou a violencia de xénero entre outros temas. O premio está dotado con 600 euros. Os traballos deberán enviarse á Casa da Muller e o prazo de presentación rematará o día 28 de novembro.

O terceiro concurso que vén de convocar Benestar Social e Igualdade é o V Certame de Narrativa Xuvenil “Entre Iguais”, no que poderán tomar parte rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Os traballos serán inéditos, escritos en lingua galega e de temática libre pero baseada nalgún aspecto relacionado coa igualdade entre mulleres e homes: o reparto das tarefas do fogar, o coidado das persoas, o acceso ó traballo, etc. A extensión máxima será de cinco folios e deberanse presentar por triplicado. As bases tamén establecen que cada participante poderá presentar un máximo de tres traballos, dos que só un poderá ser premiado. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o día 21 de novembro e, como nos casos anteriores, os traballos deberanse enviar á Casa da Muller. En canto ós premios, establécense dúas categorías: unha de 12 a 14 anos, na que haberá un primeiro premio valorado en 200 euros, un segundo valorado en 100 euros e un terceiro valorado en 60 euros, e outra de 15 a 18 anos, cun primeiro premio valorado en 250 euros, o segundo valorado en 150 euros e o terceiro valorado en 100 euros.

Multimedia

Noticias relacionadas