O Concello de Lugo convoca o Premio de Deseño para elexir o cartel das VII Xornadas sobre Violencia de Xénero

Xoves, 04 de setembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Casa da Muller do Concello de Lugo, co fin de elixir o cartel anunciador das VII Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero convoca o Premio de Deseño Gráfico A Violencia de Xénero ó que poderán concorrer cantos autores e autoras o desexen, con traballos de tamaño e técnica libres, e que deberán ser presentados sobre un soporte ríxido que facilite a súa posible exposición.

A Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, indicou que os deseños contribuirán a destacar o tema da violencia de xénero, debéndose centrar na prevención, o eixo central destas xornadas que se celebrarán entre o 24 e o 27 de novembro.
 
Deberán incluir no cartel o título das xornadas, distribuido da maneira que elixa cada autor/a, e deberán figurar tamén o logotipo do Concello de Lugo e o da Casa da Muller.

A autora ou autor do deseño que resulte gañador recibirá un premio dotado con 600 euros e un agasallo e o resto dos carteis presentados poderán ser expostos ó público.

A entrega dos orixinais debe facerse, por correo ou persoalmente, na Casa da Muller do Concello de Lugo. Avda. da Coruña, 212 (Chalet Parque da Milagrosa), ata as 13 horas do día 19 de setembro de maneira anónima e baixo lema, en sobre adxunto pechado, indicarase o nome, enderezo e teléfono.

O xurado para a elección do gañador ou gañadora estará integrado pola Concelleira de Muller e persoal técnico da Casa da Muller, co asesoramento de deseñadoras e deseñadores.

Pisos de acollida
Por outra banda, a Concelleira explicou que no que vai de ano un total de 9 mulleres fixeron uso dos pisos de acollida dos que dispón o Concello de Lugo. Segundo a Concelleira a cifra é moi inferior aos datos do 2007 no que houbo 21 mulleres en acollida, aínda que destacou o incremento de mulleres inmigrantes, algo que segundo Carmen Basadre débese a que estas teñen menos apoio familiar ao estar lonxe dos seus paises de orixe.

En canto aos menores acollidos nestes pisos,  ata o mes de agosto foron un total de 8 nenos e nenas, “unha cifra moi importante se temos en conta que en todo o 2007 foron 11 menores” explicou a Concelleira. Basadre anunciou que , segundo o compromiso acadado nas VI Xornadas de Violencia de Xénero, a Casa da Muller contará cun novo psicopedagogo para que traballe cos fillos e fillas das vítimas da violencia machista.

Noticias relacionadas