O Concello de Lugo convoca o I Certame Escolar de Humor Gráfico dirixido a nenos e nenas de 10 a 16 anos

Os interesados poderán realizar as súas viñetas cómicas ata o 30 de marzo na librería O faro dos tres mundos

Xoves, 05 de marzo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou a apertura da convocatoria do I Certame Escolar de Humor Gráfico en colaboración coa librería O faro dos tres mundos.

Carmen Basadre destacou que se trata dun certame novidoso “e co que queremos fomentar o humor, a creatividade e a intelixencia dos máis pequenos xa que aportan a súa visión da mundo dunha maneira moi diferente aos adultos”.

Neste certame poderá participar o alumnado de todos os centros escolares de Lugo que cursen estudos comprendidos entre quinto de Primaria e cuarto da ESO, establecéndose seis categorias diferentes, unha por curso.

Cada alumno poderá presentar só un traballo consistente nunha soa viñeta ou nunha tira de dúas ou tres viñetas nun formato de tamaño entre DIN A4 e DIN A3. O tema da viñeta será libre, pero as obras deberán ter un claro contido humorístico e o texto, en caso de telo ten que estár en lingua galega. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, ademais entregaranse debuxados a man ou con ordenador.

Aquelas estudantes e colexios interesados en participar poderán facelo de forma individual ou de forma conxunta remitindo o traballo por correo ordinario ao Faro dos tres Mundos, sito na Rúa San Marcos, 9, ou ben por correo electrónico a  susana.barroarrobaelfarodelostresmundos.com.  O prazo para presentar os traballos neste concurso finaliza o 30 de marzo de 2015.

Neste primeiro certame de humor gráfico concederanse seis premios individuais, un por cada categoría, consistente nun lote de libros e diploma acreditativo, e un premio para o centro de ensino que máis participantes acheguen ao concurso e que terá como premio un lote de material pedagóxico.

Noticias relacionadas