O Concello de Lugo contribuíu nos últimos anos á inserción sociolaboral de 156 persoas con enfermidade mental

O Executivo de Lara Méndez colabora co programa Juntos Somos Capaces da Fundación Mapfre e FEAFES, ofrecendo prácticas laborais nas empresas que prestan servizos municipais na área de Medio Ambiente.

A edil de Benestar, Olga López Racamonde, enxalzou o alcance da iniciativa á que cualificou como “unha oportunidade real de lograr a inclusión e pular pola igualdade de oportunidades”.

Mércores, 10 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo contribuíu nos últimos anos á inserción sociolaboral de 156 persoas con enfermidade mental

O Concello de Lugo, a través das áreas de Benestar Social e Medio Ambiente, leva contribuído nos últimos anos á inserción laboral de 156 persoas con enfermidade mental, a través do programa Juntos Somos Capaces posto en marcha pola Fundación Mapfre co apoio de FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia).

Unha iniciativa coa que cada ano, a Institución local revalida o seu compromiso pola “estupenda oportunidade que representa para os colectivos que se encontran con maiores dificultades á hora de acceder a un posto de traballo”, subliñou a edil que tamén explicou que o Executivo de Lara Méndez colabora posibilitando a realización de prácticas laborais nas empresas que prestan servizos municipais na área de Medio Ambiente.

“Neste 2021, 8 persoas con patoloxías mentais, en risco de exclusión e en situación de desemprego, están a recibir formación en Urbaser (3), Calfensa (2), Lacera (2) e Clece (1), incrementando, así, as súas posibilidades de inserción no mercado, xa que con elas non só conseguen enfocar o seu futuro profesional, senón tamén mellorar as súas habilidades sociais e a súa autoestima”, referiu López Racamonde que aproveitou para enxalzar a responsabilidade social corporativa que amosan estas empresas.

A concelleira de Benestar fixo fincapé na importancia de fomentar o emprego estable dos colectivos con maior vulnerabilidade, “en tanto supón un avance na consecución da igualdade de oportunidades real e efectiva, con repercusión directa sobre o conxunto da sociedade”.

Olga López quixo destacar, alén, o compromiso continuado do Goberno de Lara Méndez coas políticas sociais, “ás que cada ano dedicamos en torno ao 30% do orzamento municipal, mantendo sempre un contacto directo coas entidades e o tecido asociativo que agrupa a estas persoas co obxectivo de atender ao máximo posible as súas demandas e reivindicacións”, concluíu.

Neste mesmo senso, a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá autorizou a prórroga (19.549 €) a Combina Social, o Centro Social de Emprego de COGAMI, para seguir á fronte do contrato de atención e dinamización dos Centros de Convivencia da cidade, unha adxudicación que a área de Benestar reservou en exclusiva á iniciativa social e empresas de inserción.

Do mesmo xeito, na sesión foi aprobada tamén a continuidade, por outro exercicio máis, da empresa que se encarga da animación cultural nas referidas instalacións por importe de 24.738 euros.

Noticias relacionadas