O Concello de Lugo continúa a promover o cooperativismo entre a mocidade lucense

Mércores, 28 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo continúa a promover entre a mocidade lucense a creación de empresas na forma xurídica de cooperativa, así como promover os valores de solidariedade e voluntariedade, valores positivos para a sociedade en xeral.

Nesta ocasión, a Concellería de Economía e Emprego, que dirixe Sonia Méndez, organizou unha serie de actividades formativas de promoción e fomento do cooperativismo dirixidas a alumnos de ESO dos centros de ensino da cidade de Lugo.

O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo acolleu esta mañá a primeira xornada formativa na que participaron 32 alumnos e alumnas do IES Leiras Pulpeiro. Os mozos e mozas recibiron unha charla teórico-práctica sobre o autoemprego e a creación de cooperativas. Despois participaron na realización dun mural no que se reproduce a forma de traballo característica das cooperativas.

Mañá xoves participarán nestas xornadas 30 alumnos do IES Xoán Montes, o venres 46 do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e o luns 40 do IES Lucus Augusti.

Por outra banda, recordar que segue aberto o prazo ata o vindeiro 31 de outubro para presentar os traballos aos dous concursos para o fomento dos valores do cooperativismo no Concello de Lugo.

O primeiro deles trátase dun concurso de fotografía que debe facer referencia ao cooperativismo e aos valores que o inspiran. O segundo dos concursos pretende estimular e apoiar a comercialización de produtos e servizos cooperativos mediante propostas innovadoras de marketing que chamen a atención do potencial cliente e propicien a súa compra. Neste certame poderá participar o alumnado dos centros de ensino secundario, FP e da USC de Lugo de forma individual ou colectiva (cun máximo de 3 persoas por grupo).

Os premios destes concursos serán entregados o vindeiro venres 6 de novembro tras a actuación do monologuista Cándido Pazó.

Multimedia

Noticias relacionadas