O Concello de Lugo conta con 530.000 metros cadrados de zonas verdes e máis de 6.600 árbores

Venres, 23 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno Local do Concello de Lugo continúa co seu compromiso de potenciación duns espazos públicos coidados e que sirvan para o desfrute da cidadanía. Neste senso no que vai de ano puxéronse en valor máis de 5.000 metros cadrados de zonas verdes, case 2.000 destinadas ao ocio de maiores e cativos.

En total a cidade de Lugo conta con 156 zonas verdes que supoñen unha superficie de ao redor de 530.000 metros cadrados. A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Lino González Dopeso, encárgase cada ano de colocar 78.450 unidades de prantas de tempada repartidas entre 20 especies e 45 variacións cromáticas.

Sobre o arbolado o Concello conta con 1.826 unidades de árbores nas rúas e 4.800 nas zonas verdes. Son 162 as rúas arboradas concentradas, sobre todo, na zona noroeste da cidade. En Lugo poden atoparse unhas 80 variedades arbóreas sendo os máis numerosos os das seguintes especies:

- Prunus cerasifera var. pisardii
- Tilia tomentosa 
- Prunas fruticosa var.globosa 
- Ligustrum japonicum 
- Camelia japonica

Outra das preocupacións do equipo de Goberno para garantir a comodidade e o desfrute dos espazos públicos por parte da cidadanía é o mobiliario urbano situado nas zonas verdes e nas súas proximidades. Por iso, o Concello de Lugo esfórzase no mantemento dos diferentes elementos que suman 23 mesas, 833 bancos, 427 papeleiras e 110 xardiñeiras.

Por outra banda, a cidade conta con 38.193 metros cadrados de superficie de pavimento duro en zonas verdes e 62. 540 metros cadrados de pavimento terrizo.

Noticias relacionadas