O Concello de Lugo consegue o obxectivo de eliminar a lista de espera dos Centros de Día

Martes, 17 de agosto de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Igualdade e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou un balance das melloras levadas a cabo dende a súa área nos servizos dos Centros de Día “cumprimos o obxectivo que me marquei dende que son Concelleira, e a principios de setembro non haberá lista de espera para os centros de día municipais”. Lembrou que esa foi a meta que se sinalou cando chegou á Concellería, e amosou a súa completa satisfacción por conseguilo.

Carmen Basadre, explicou que para iso se fixo un gran esforzo dende a Administración Local, “pasamos de ter 40 prazas a poñer 109 a disposición dos nosos veciños e veciñas, aumentando neste senso máis dun 80% o investimento municipal”. Na actualidade, o investimento para os centros de día é de case 700.000 euros.

A Concelleira explicou que os orzamentos do Concello de Lugo dedican arredor do 20% da contía total a gasto social o que “evidencia o compromiso deste goberno coas persoas”.

Os Centros de Día municipais teñen unhas taxas que están reguladas por unha ordenanza municipal, “quedando exentos do pago os que perciban o 100% ou menos do IPREM”. Na actualidade, segundo sinalou a responsable de Benestar, “ninguén paga a contía total, que está en 490 euros. A media de pago mensual atópase entre os 123 e os 160 euros”. Esta taxa inclúe a asistencia, o transporte e a alimentación.

A Concelleira tamén sinalou a importancia da colaboración das asociacións na atención aos nosos maiores, en concreto destacou a labor desempeñada pola Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer que neste momento atenden na súa sede da nave municipal Clara Campoamor, a preto de 30 persoas.

Outro dos aspectos sinalados por Carmen Basadre foi o da creación de emprego. “O Concello colabora na creación de postos de traballo para atender os centros de día, e tamén no mantemento dalgúns postos nos centros concertados”. Aproveitou para felicitar polo seu traballo aos “excelentes profesionais que atenden os centros e que permiten que os nosos maiores teñan atención psicolóxica, fisioterapia, estimulación...”

Vella demanda á Xunta de Galicia

A Concelleira de Benestar lembrou ademais unha vella demanda do Alcalde de Lugo á Xunta de Galicia, para “que transformen o edificio do Materno, situado no vello hospital, nun xeriátrico público. Hoxe coñecemos a nova de que a iniciativa privada está pensando en instalar un centro en Lugo. Felicito aos promotores desta obra e aproveito para reclamarlle de novo á Xunta de Galicia unhas instalacións públicas para os nosos maiores. Teñen que ter en conta que o edificio xa está feito, co que reducen considerablemente os custos”.

Ademais, na actualidade os Centros de Día municipais viron aumentado considerablemente o seu horario de atención:

HORARIO CENTROS DE DÍA CONCELLO DE LUGO:

De Luns a Sábado de 9 a 20 horas
Dous domingos ao mes establécese o respiro familiar.

Emerxencia social

Carmen Basadre tamén se referiu ao investimento municipal en emerxencia social. “No primeiro semestre do 2010 investimos na xente de Lugo que nos pediu axuda, uns 51.630 euros, dun orzamento total dispoñible de 150.000 euros”. No ano 2009 o orzamento era de 110.000 euros e o gasto final foi de 85.718 euros.

A Concelleira explicou que a emerxencia social pretende facer fronte a necesidades puntuais daquelas persoas que se atopan nunha situación económica difícil, “como o nome di, están nunha situación de emerxencia”.

Subliñou que, como en anos anteriores, a maior parte do orzamento de emerxencia destínase a axudas no aluguer, alimentación, mantemento da vivenda e farmacia. Explicou que este ano se detectou un aumento das solicitudes de axuda para alimentación, pasando de 3.400 euros a 9.168 euros, e tamén de mantemento da vivenda, pasando de 6.089 euros a 10.797 euros.

Carmen Basadre, lembrou que “todas aquelas persoas que o necesiten saben que teñen ao Concello de Lugo á súa disposición. Só teñen que acudir a nós, falar coa traballadora social e explicarlle cal é a súa preocupación ou problema”.

 

Noticias relacionadas