O Concello de Lugo conmemora o Dia Internacional contra a Violencia de Xénero

Inaugurouse a escultura O voo das bolboretas nos xardíns do antigo Fogar de Santa María e co que se recorda a todas as vítimas de violencia de xénero

Martes, 25 de novembro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, encabezaron os actos de conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero e que comezaron coa entrega do premio ao gañador do Concurso de Deseño Gráfico en Contra da Violencia de Xénero. 

O obxectivo deste concurso que este ano gañou o deseño presentado por Javier Trigo Penedo, é que os participantes destaquen e visualicen o tema da violencia de xénero valorando o impacto das frases ou imaxes de ditos deseños. O premio está valorado en 600 euros.

Ás 12.30 horas tivo lugar na Praza de Santo Domingo diante da árbore da vida, a lectura do manifesto, a cargo de Adela Figueroa, e no que tamén participou a Banda Municipal de Música de Lugo coa interpretación de varias pezas de música.

Os actos organizados polo Concello de Lugo serviron para reclamar o mantemento das axudas para as mulleres vítimas de violencia de xénero. Neste sentido, o manifesto que foi aprobado polo Foro de Igualdade, sinala que “en todo o mundo a violencia contra as mulleres continúa a manifestarse de moi diversas formas e alcanza cifras insoportables como eses 603 millóns de mulleres que viven en países onde non se considera delito a violencia de xénero ou os dous millóns de nenas cuxa vida corre risco pola ablación. E nun ano en que quixeron arrebatarnos o noso dereito a decidir se queremos ou non ser nais, non podemos esquecer esas 47.000 mulleres que morren cada ano no mundo por mor de abortos inseguros. Tampouco esquecemos o 70% de mulleres que sofren ou sufrirán violencia sexual na súa vida, tendo que aturar ser cuestionadas, ridiculizadas, revitimizadas.”

Ademais lémbrase que “en España máis de 600.000 mulleres sofren malos tratos habitualmente e en dezanove anos, máis de 1.311 mulleres foron asasinadas por homes que dicían amalas, sen contarmos todas aquelas que quedan fóra das estatísticas oficiais, un número de asasinatos que tería que converter a violencia machista nunha verdadeira cuestión de Estado”.

No manifesto tamén se fai referencia ás declaracións da presidenta do Círculo de Empresarios nos que explicaba a súa preferencia a contratar maiores de 45 anos e menores de 25 para evitar embarazos, “unhas palabras intolerables e moi reveladoras da situación que viven moitas mulleres no traballo”. Neste sentido, o Grupo dos traballadores e traballadoras da Organización Internacional do Traballo considera necesaria a adopción dunha norma internacional sobre a violencia contra as mulleres no lugar de traballo a fin de protexer a súa liberdade, o seu dereito á equidade, a súa seguridade e a súa dignidade humana.

Durante o acto tamén se lembrou que o vindeiro 28 de decembro se cumprirán dez anos da aprobación da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a cal supuxo un revulsivo respecto á violencia de xénero en todos os seus aspectos. Neste sentido, o pasado 15 de outubro, España recibiu en Xenebra unha das mencións de honra do Premio de Políticas de Futuro, que institucións como ONU Mulleres concederon a esta Lei por tratarse dunha das máis importantes e eficaces normas para combater e erradicar a violencia sexista en todo o mundo.

“Hoxe queremos lembrar a todas e a cada unha das 50 vítimas da violencia machista, segundo recolle a Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas, pero dun xeito moi especial ás sete mulleres galegas, das cales catro eran ou vivían en Lugo: María José, Adela, María Luisa e Elena. Tamén lembramos a Sonia, sobrevivente dun intento de asasinato machista no pasado mes de agosto en Chantada, do cal quedou seriamente danada. Para ela e para todas as vítimas esiximos xustiza e reparación” e tampouco se esqueceron de lembrar aos 29 nenos e nenas que quedaron sen a súa nai despois de ser asasinadas.

O manifesto conclúe denunciando “os recortes orzamentarios en materia de igualdade en xeral e de violencia de xénero en particular” ademais do recorte de liberdade nas mulleres e que atacan o espírito da Lei integral contra a violencia de xénero, como son a Lei Wert, coa eliminación de Educación para a Cidadanía, ou a Lei de racionalización e sostibilidade da Administración local, que cualifica como impropias as competencias que os concellos e as entidades locais viñan exercendo en materias de igualdade e de violencia de xénero”.

Inauguración O voo das Bolboretas

O acto que poñía fin a este día de conmemoración era a inauguración da escultura O voo das Bolboretas que pretende ser unha homenaxe ás vítimas de violencia de xénero. Estas “bolboretas” están situadas nos xardíns dianteiros do Fogar de Santa María e foron elaboradas por Luz Darriba e Xavier Quijada.

A escultura, “O voo das bolboretas”, distingue o traballo das Irmáns Mirabal, “As Mariposas”, símbolo de loita contra a ditadura de Trujillo, que foron torturadas e asasindadas baixo o seu mandato. Na súa honra, cada 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Non Violencia contra a Muller. Están construídas en granito moreno propio da comarca e punteiradas á mán e consta de 15 pezas xeomatrizadas idealizando virtualmente a forma das bolboretas. As pezas van elevadas sobre un tubo co que se pretende darlle ás bolboretas a posición de voo. Esta peza artística, que conxuga a fraxilidade destes lepidópteros e a forza da pedra, amosa un voo de liberación que deslexitime todo tipo de violencia contra as mulleres.

Multimedia

Noticias relacionadas