O Concello de Lugo conmemora o Día da Muller cunha ampla programación festiva para reivindicar o feminismo e a igualdade

O 8 de Marzo a alcaldesa, Lara Méndez, entregará o premio Entre Mulleres a 8 referentes da cidade, co que se lles quere recoñecer e agradecer o labor que desenvolven en prol do empoderamento feminino.

Adiaratou Iglesias, o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, Neri Regueiro Viñas, Carmen Basadre, Dina Pérez Roibas, Pilar Martínez Conde "Pilocha", Carmen Lence e Patrocinio Morrondo serán as galardoadas neste 2022.

Espectáculos teatrais, exposicións e concertos aderezarán a axenda local durante as vindeiras semanas.

Sábado, 05 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo conmemora o Día da Muller cunha ampla programación festiva para reivindicar o feminismo e a igualdade

Teatro, música e exposicións. O compoñente artístico preside este ano a programación organizada polo Executivo de Lara Méndez para conmemorar o Día da Muller.

“Unha data sinalada que dende o Goberno local temos presente todos os días do ano pero que, no mes de marzo, celebramos con maior visualización para lanzar unha mensaxe reivindicativa do papel que as mulleres exercemos a diario na sociedade”, afirmou a rexedora.

Lara Méndez participaba hoxe na primeira das actividades deseñadas pola área de Muller e Igualdade para festexar o 8 M, a intervención teatral Quen ocupa esa cadeira? Especial Mulleres, de Escola Palimoco Teatro e Danza, que tivo lugar este mediodía na Praza Maior.

Mais a alcaldesa lucense será tamén a encargada de entregar o vindeiro martes o premio Entre Mulleres co que o Concello de Lugo quere recoñecer e agradecer o labor das lucenses en prol do empoderamento feminino.

O galardón institucional, segundo avanzou a propia rexedora, recaerá neste 2022 en  Adiaratou Iglesias; o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo; Neri Regueiro Viñas, membro da asociación cultural Bolboreta Fiandeira e promotora da formación de grupo de pandereteiras – cantareiras; Carmen Basadre; Dina Pérez Roibas, que foi directiva da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo e da Federación de Empresarias de Galicia; Pilar Martínez Conde, "Pilocha", Carmen Lence e a catedrática de Parasitoloxía Animal da USC, Patrocinio Morrondo.

A cerimonia, que se retoma logo dos dous anos de pandemia, terá lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial, ás 12:30 horas.

“Nun día como o 8 de Marzo, este Concello e este Goberno defenderá en voz alta a necesidade de seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, á vez que cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a súa incorporación en condicións de igualdade e a súa promoción profesional. Estes premios reflicten a nosa vontade a ese respecto pero tamén escenifican a importancia que ten a implicación de todas as administracións públicas na asunción das nosas competencias para que poidamos reforzar, con recursos, as políticas de igualdade. Necesitamos políticas dirixidas a pechar as fendas laborais, salariais, dixitais, de corresponsabilidade, de dependencias, as que conlevan vivir no rural ou traballar no eido da investigación ou das tecnoloxías”, exemplificou Méndez.

Tabú, de Carmen Conde e Ilustracións contra o Machismo de Feminista Ilustrada, as dúas propostas para celebrar o 8M coa comunidade educativa.

Por outra banda, dende concellería de Muller, que dirixe Silvia Alonso, convidouse ao alumnado de 1º e 2º da ESO do municipio a gozar, o xoves 10 de marzo, do Espectáculo Tabú, de Carmen Conde, no Auditorio do Vello Cárcere (11:30 horas).

“Unha obra que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú. Un tendal para poñer ao clareo todas as intimidades que, neste caso, cumpre ademais unha función didáctica”, explicou a edil.

A Casa da Muller preparou, alén, outras accións como o concerto Notas Femininas. O papel da muller na historia da música, a cargo de Lucus Ensemble que se celebrará o 12 de marzo no patio do Vello Cárcere, ás 19:30 horas, con entrada aberta ata completar aforo.

“Con este concerto, que terá unha duración de 70 minutos, queremos amosar a importancia que tiveron grandes mulleres como creadoras dende o punto de vista da composición, da interpretación ou da edición de obras musicais de enorme calidade. Nel terán presenza Elise Hall, Rosalía e Ravel, Hedwige Chrétien, Violeta Parra, Liana Alexandra, Clémence de Grandval, Lili Boulanger e Pilocha”, referiu a responsable de Muller e Igualdade.

Alonso deu conta, así mesmo, de que o Executivo de Lara Méndez rotará polos institutos da cidade a mostra Ilustracións contra o machismo, de Feminista Ilustrada.Unha exposición itinerante da man da influencer e activista Feminista Ilustrada (Ilustraciones contra el machismo) que visibiliza diferentes formas de violencia de xénero e situacións de discriminación frecuentes entre a poboación moza, coa ilustración como principal elemento de difusión de valores igualitarios.

Lara Méndez e Silvia Alonso fixeron, ademais, un chamamento á participación nestes actos de toda a cidadanía “para unirnos nunha loita, a da consecución de dereitos, que hoxe, máis ca nunca, só pode dar pasos adiante”, concluíu a rexedora quen lembrou, así mesmo, que dentro desta programación o Concello manterá proxectada a marca lucense ‘Mulleres con Forza’ na Porta Bispo Aguirre da Muralla e na propia Casa Consistorial até o vindeiro domingo, día 13 de marzo.

Noticias relacionadas