O Concello de Lugo concederá axudas de ata 4.000 euros para aumentar a accesibilidade e habitabilidade das vivendas das persoas dependentes

Mércores, 22 de outubro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Onte martes, día 21 de outubro, saíron publicadas no BOP de Lugo as bases xerais reguladoras das subvencións para mellora da accesibilidade e habitabilidade de vivendas de persoas maiores dependentes que serán concedidas polo Concello de Lugo. O prazo para presentar solicitudes estará aberto dende o mércores día 22 de outubro de 2008 ata o xoves día 20 de novembro de 2008 (ámbolos dous inclusive).

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, explicou que as bases establecen que a concesión de subvencións irá destinada a propietarios e inquilinos de vivendas sitas na cidade de Lugo co fin de acometer obras de reparación, rehabilitación, adaptación e mellora da accesibilidade e habitabilidade das mesmas. O Concello de Lugo pretende, con esta medida, mellorar a calidade de vida dos beneficiarios das axudas para as que se destinarán un total de 51.840  euros.

Serán subvencionables as pequenas obras de reforma e reparacións que permitan acadar a accesibilidade da vivenda; a existencia e correcto funcionamento de servizos sanitarios e cociñas, de instalacións eléctricas, de instalacións de saneamento e fontanaría; a existencia e correcto funcionamento de sistema de calefacción, de extracción de fumes e ventilación; illamento térmico; illamento acústico, adecuación distribución de espazos interiores; iluminados e ventilados, e sistemas de aforro enerxético. Quedan excluídas desta subvención os arranxos nos elementos comúns das vivendas.

Poderán acollerse á presente convocatoria os propietarios e propietarias, ou inquilinos  e inquilinas de vivendas, sempre e cando constitúa o seu domicilio habitual e permanente, e reúnan os seguintes requisitos:
a.- Que vivan sós
b.- Que teñan unha idade igual ou superior a 65 anos 
c.- Que sexa persoa dependente ( para o caso de ter recoñecido a situación de dependencia), padezan unha discapacidade igual ou superior ó 33% ou teñan diagnosticado a enfermidade de alzheimer.
d.- Que teñan uns ingresos que non excedan 1,5 veces o IPREM.

As solicitudes deberán ser presentadas no Rexistro de Evislusa ou no Rexistro do Concello de Lugo e non poderán exceder os 4.000 euros.

A Concelleira explicou que non se trata dunha subvención puntual, senon que é unha medida que se contempla tamén nos  orzamentos preparados polo equipo de Goberno para a vindeira anualidade. Basadre expresou, ademais, o seu desexo de seguir mellorándolos e que podan beneficiarse deles cada vez máis persoas dependentes.

Axuda a domicilio
Por outra banda, a Concelleira aproveitou a ocasión para anunciar que a Mesa de Contratación celebrada esta mañana, decidiu que Cruz Vermella será a encargada do Servizo de Axuda a Domicilio do Concello de Lugo ao acadar a maior puntuación das plicas presentadas. O prezo das horas no servizo normal será de 16´74 euros, 19´15 euros o servizo extraordinario e 18´99 o servizo nocturno.

Ademais, a Mesa de Contratación decidiu adxudicar o Servizo de Comida a Domicilio á empresa Ucalsa que servirá os menús por 5´70 euros.

Noticias relacionadas