O Concello de Lugo compensará ás e aos usuarios subscritos a servizos municipais que tiveron que pechar pola crise sanitaria

A edil Paula Alvarellos sinala que a área de Gobernanza traballa xa no procedemento baseado na entrega de novos abonos para as seguintes anualidades ou tempadas ou ben na prórroga da validez dos xa emitidos

Sábado, 04 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo compensará ás e aos usuarios subscritos a  servizos municipais que tiveron que pechar pola crise sanitaria

O goberno de Lara Méndez recorrerá á vía da compensación para resarcir a aqueles veciños e e veciñas que adquiriron abonos temporais para servizos municipais que agora permanecen pechados pola crise sanitaria.

A edil Paula Alvarellos, avanzaba hoxe que “dende a área de Gobernanza, somos conscientes de que este asunto estaba a xerar certa preocupación entre a cidadanía que a principios de ano se subscribiu a determinadas actividades deportivas, de ocio e mesmo culturais que, nestes momentos, non se están a impartir ou ás que o seu acceso quedou prohibido por mor do confinamento decretado”.

Así, a concelleira referiu o exemplo daquelas persoas que pagaron a cota anual, trimestral ou mensual para as piscinas municipais e, porén, dende o pasado 14 de marzo, non poden facer uso delas.

“O que queremos é trasladarlles unha mensaxe de tranquilidade. Realizarase unha compensación do gasto que fixeron con novos abonos para as seguintes anualidades ou temporadas, ou ben prorrogarase a validez dos xa emitidos segundo o caso”, adiantou Alvarellos.

A responsable de Gobernanza, indicou que á maior brevidade posible o Concello artellará o procedemento a seguir do que se dará conta ás e aos interesados. “De calquera forma, transmitirlles que non perderon eses cartos, que as restricións impostas obedecen a unha situación excepcional que - agardamos – remate moi pronto e que, unha vez recobrada a normalidade, a intención do executivo local é que todos estes usuarios e usuarias poidan dispoñer, de novo, das instalacións municipais e dos servizos que se prestaban nelas sen que isto lles supoña un prexuízo económico”.

Paula Alvarellos concluíu sinalando que toda vez se teñan articulados os mecanismos para proceder a estas compensacións ou á prórroga da validez dos abonos, se dará conta á poboación das indicacións e dos pasos que deben realizar para poder solicitar as mesmas.

Audio

  • A edil Paula Alvarellos, sobre a compensación de abonos | Descargar mp3

Noticias relacionadas