O Concello de Lugo comeza a xirar hoxe 72.237 recibos do imposto de circulación por importe de 5’7 millóns de euros

A edil de Gobernanza lembra que o período de pago voluntario remata o 20 de outubro e anima á poboación a domiciliar en sede electrónica os próximos recibos para simplificar a tramitación.

Paula Alvarellos convida á cidadanía a informarse das bonificacións existes que rebaixan até o 75% da cota do gravameaos turismos menos contaminantes.

Venres, 20 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo comeza a xirar hoxe 72.237 recibos do imposto de circulación por importe de 5’7 millóns de euros

O Concello de Lugo, coincidindo coas datas establecidas no calendario fiscal, comezará a xirar dende hoxe, 20 de agosto, o recibo do imposto de circulación.

No servizo de Facenda Local figuran matriculados un total de 72.237 vehículos que tributan ás arcas municipais 5.756.180 euros, o que o converte no segundo imposto municipal máis cuantioso, logo do IBI.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, lembra que o período voluntario para proceder ao seu abono remata o 20 de outubro e convida á cidadanía a informarse das bonificacións existentes que rebaixan considerablemente a cota do gravame, entre outros, aos automóbiles menos contaminantes.

“Dentro da estratexia de acadar unha cidade máis sostible e respectuosa co ecosistema, as persoas propietarias de turismos híbridos ou aqueles que empreguen un combustible de baixa incidencia para o medio ambiente (motor eléctrico e/ou emisións nulas, biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol, hidróxeno, gasolina-gas, eléctrico-gasolina, etc) poden solicitar e desfrutar durante tres anos, dun desconto de até o 75% na cota da rodaxe”, indicou a tenente de alcaldesa.

Paula Alvarellos deu conta tamén de que, conxuntamente, se tramita nestas mesmas datas o cobro dos 4.026 vaos existentes na cidade que suman un importe de 783.887 euros.

A responsable da área económica quixo aproveitar, alén, para animar á poboación a domiciliar os seus recibos dende a sede electrónica municipal (www.lugo.gal). Un procedemento informático habilitado o pasado mes de xuño que permite ás e aos contribuíntes realizar o trámite dunha maneira áxil e sinxela, sen necesidade de aportar ningún tipo de documentación.

“O único requisito que esixe este sistema é estar en posesión de certificado dixital”, referiu a edil ao tempo que recordou as múltiples vantaxes de empregar a vía telemática.

“A primeira é unha maior dilixencia en todo o proceso porque se evita ter que pedir cita previa e acudir ao Rexistro para entregar a instancia e tampouco resulta necesario aportar documento algún. O único que cómpre facer é asinar unha declaración responsable confirmando a titularidade, ou a autorización da/do titular, da conta bancaria que se facilita”.

Para que a domiciliación surta efecto, iso si, esta debe realizarse con dous meses de antelación ao inicio do período voluntario de pago polo que, en caso de facerse agora, tería aplicación para o vindeira etapa impositiva.

A área de Tesourería do Concello de Lugo emite ao ano un total de 455.834recibos de taxas e tributos locais e o 80’29% se xira xa a través do banco.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre as bonificacións ao imposto de circulación | Descargar mp3

Noticias relacionadas