O Concello de Lugo comeza unha actividade formativa sobre innovación empresarial

Luns, 29 de setembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A importancia da innovación na empresa ten o seu reflexo no ámbito comunitario os países que se sitúan nos primeiros postos nos rankings da productividade e que, por iso, están considerados como os máis avanzados no seu desenvolvemento industrial, son tamén os países que lideran o proceso de renovación permanente das tecnoloxías empregadas polo seu sistema productivo. Isto é un reflexo do papel crucial que xoga a innovación na economía dos países.

Segundo a OCDE, en España, en 2003, os gastos empresariais en porcentaxe do gasto total en I+D seguen a estar por debaixo da media da Unión Europea e isto repercute negativamente na competitividade actual e futura das empresas. Por iso é tan necesario realizar un esforzo inversor en I+D+i nas empresas galegas e que á súa vez éstas conten con persoal capacitado que inicie, xestione e leve ao éxito este proceso. É por tanto moi importante que as empresas poidan dispoñer da figura do axente de innovación, que posúa coñecementos suficientes do que é a innovación, de cómo se pode chegar a ela a través da adquisición de tecnoloxía ou de patentes, ou ben a través do desenvolvemento de proxectos de I+D.

O axente de innovación igualmente debe estar preparado para afrontar o reto da protección dos resultados obtidos no transcurso de proxectos de investigación e incluso a posibilidade de xerar novas empresas de base tecnolóxica, así como coñecer moi ben as fontes de financiamento tanto pública (subvencións, préstamos) como privada (capital risco, etc.), que pode servir de apoio aos procesos de innovación na empresa.

O Concello de Lugo, neste senso, acaba de comezar un Curso de Axente de Innovación que foi inaugurado esta mañá pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, no Centro de Empresas e Innovacións.

Características do curso
Trátase dunha acción formativa de 200 horas de duración, presenciais, pertencente ao plan de formación e inserción profesional (FIP), subvencionada pola Consellería de Traballo, gratuíta para os alumnos, e cunha axuda de 6 € por día de asistencia. Ao finalizar o curso, os alumnos terán a posibilidade de realizar prácticas en empresas ou institucións

O curso contará cun amplo cadro de persoal docente, experto en diferentes áreas, vinculados a centros de referencia en I+D+i ou a consultoras expertas neste ámbito.

Ademais, esta acción formativa contará para ser imputada como créditos de libre configuración curricular cunha equivalencia de 6 créditos para todos os alumnos da Universidade de Santiago de Compostela.

Obxectivo:
Este curso capacita ao alumno para xestionar as políticas de innovación dunha empresa, definir e desenvolver proxectos de innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico, incluíndo a protección dos resultados xenerados nos mesmos. Os alumnos terán coñecemento das convocatorias de subvencións para a realización de proxectos de I+D+i, das particularidades contables e fiscais da I+D+i e incluso coñecer o proceso da creación dun spin-off na forma de empresa de base tecnolóxica.

O curso comenzou hoxe, luns 29 de setembro, e rematará o luns 24 de novembro. Horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres.

Noticias relacionadas