O Concello de Lugo comeza a instalar nove plataformas de acceso a illas de reciclaxe no marco das obras do novo carril bici

Esta dotación busca garantir a seguridade dos peóns e favorecer a accesibilidade por parte das persoas con mobilidade reducida aos contenedores situados a carón do carril.

Lara Méndez: “Dende a planificación do proxecto buscáronse varias solucións de accesibilidade para facelo totalmente inclusivo”.

As novas plataformas estarán situadas na Rolda do Carme (6); Fonte dos Ranchos (1) e Rúa Orquídea (2).

Estas infraestruturas súmase as once que se ubicaron nas paradas de autobús, onde tamén os peóns ten prioridade de acceso sobre as bicicletas.

Martes, 25 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo comeza a instalar nove plataformas de acceso a illas de reciclaxe no marco das obras do novo carril bici

O Concello de Lugo comezou xa a instalación de 9 plataformas de acceso a illas de reciclaxe no marco das obras do novo carril bici. Así o avanzou este martes a rexedora, Lara Méndez, quen subliñou que “estas plataformas permitirán que o peón poida cruzar o carril bici con seguridade e con preferencia sobre o ciclista para acceder aos contedores, ademais de permitir o acceso aos mesmos a persoas en cadeiras de rodas”.

Polo tanto, esta nova dotación busca garantir a seguridade dos peóns e favorecer a accesibilidade por parte das persoas con mobilidade reducida. As 9 plataformas, que gardarán a misma estética (cores e debuxo) que as instaladas para acceder ao bus urbano, estarán situadas en:

  • Rolda do Carme: 6 plataformas (entre as dúas calzadas).
  • Fonte dos Ranchos: 1 plataforma.
  • Rúa Orquídea: 2 plataformas.

Lara Méndez explicou que “na planificación deste proxecto contempláronse varias solucións de accesibilidade para facelo totalmente inclusivo; así, por un lado instalamos once plataformas de acceso ao bus urbano nas paradas que se atopan no traxecto da senda verde ciclista e, agora, instalaremos estas novas plataformas de acceso ás illas de reciclaxe”.

A rexedora avanzou que “nestes momentos xa está instalada unha na Rolda do Carme, e as demais quedarán instaladas nas videiras semanas”

Máis mobiliario

Ademais destas estruturas, instaláronse once plataformas de accesibilidade ao autobús urbano tamén na senda verde ciclista, e iniciouse a colocación de aparcabicis e marquesiñas aparcabicis. Tamén se ubicarán bancos de recarga intelixentes, en distintas zonas, dotados de placas solares, para facilitar a recarga de bicicletas, con portos USB e portos de carga inalámbrica de teléfonos móbiles, posibilidade de conexión a internet, equipamento para reparación de bicicletas e compresor de aire.

A nova senda verde ciclista de Lugo terá unha lonxitude de 14 quilómetros e transformará a mobilidade dos oitos barrios que percorrerá: Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real.

No seu deseño primou a comodidade; a cohesión interna, e tamén con outras redes como a do transporte urbano; a rectitude, tanto en distancia como en tempo (buscando o traxecto máis curto) e o atractivo da ruta. Pero especialmente primou a seguridade, do ciclista e tamén dos peóns, combinando carrís segregados de tráfico nas rúas con maior ancho, con viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reducirá ao 20%.

O obxectivo “é que a veciñanza poida utilizar o bicicleta non só como deporte senón como modo de transporte habitual, deixando o coche na casa, o que nos permitirá reducir a contaminación e o ruído na cidade, que tanto dano fan a nosa saúde; e para acadar ese cambio de hábito é imprescindible que se poida mover en bici con seguridade pola cidade”.

Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, posta en marcha pola rexedora, co fin de unir a trama urbana da cidade co río Miño, e cofinanciada ao 80% por fondos FEDER.

Noticias relacionadas