O Concello de Lugo colabora con FEAFES e Urbaser co obxectivo de aumentar a inserción social e laboral das persoas afectadas por enfermidades mentais

Martes, 20 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* Así mesmo, FEAFES e Urbaser rubricaron un convenio para a realización das prácticas do curso na empresa concesionaria do servizo de limpeza

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e o xerente da Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES), Antonio Hernández, asinaron hoxe un acordo de colaboración para a impartición dun curso de Limpeza e tratamento de residuos sólidos urbanos na aula de formación do CEI-NODUS.

A través do apoio desta iniciativa, o Concello de Lugo traballa na procura da inserción social e laboral de todos os cidadáns, especialmente daqueles que teñen maiores dificultades para a súa incorporación ao mercado de traballo.

Neste sentido, o Concello de Lugo ven colaborando con todas as asociacións e entidades sociais que traballan pola mellora das oportunidades para as persoas que máis o necesitan. Sonia Méndez destacou que as instalacións do CEI-NODUS están abertas para toda a cidadanía e o asociacionismo.

FEAFES
A Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia é unha organización de carácter social, benéfica e sen ánimo de lucro que ten por finalidade xenérica a adopción de todas as medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas afectadas por unha enfermidade mental, e a dos seus familiares, aos que presta servizos de información e asesoramento sociofamiliar, xurídico, de inserción laboral, ocio e tempo de lecer, centros de rehabilitación psicosocial e laboral, e vivenda alternativa.

Actualmente, FEAFES Galicia está a executar un proxecto integral de inserción sociolaboral para persoas con discapacidade a causa dunha enfermidade mental, enmarcado dentro do Observatorio de Emprego de Persoas con Enfermidade Mental (OEDEM), programa que dende a súa creación no ano 2002, presta servizos de orientación laboral, formación para o emprego, intermediación laboral e apoio para o mantemento no posto de traballo como Centro Colaborador do Servicio Público de Emprego de Galicia.

Este proxecto ten como obxectivo, por un lado, mellorar, a través da intervención grupal, os coñecementos, as habilidades e a ocupabilidade das persoas con enfermidade mental desempregadas no sector servizos, en concreto na especialidade de limpeza e tratamento de residuos sólidos urbanos, e en técnicas de busca de emprego para aumentar as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral, e por outro lado, prestar apoio social na incorporación do usuario á empresa.

Trátase de mellorar as posibilidades dun colectivo con especiais dificultades derivadas da propia enfermidade (escaso nivel formativo, escasa experiencia laboral, falta de hábitos laborais...), da situación do mercado laboral, do prexuízo social, da carencia de recursos económicos e de acceso á formación adaptada pola dispersión territorial. A meta final é a de dotar aos demandantes das habilidades necesarias para lograr a consecución dun emprego e, polo tanto, a súa autonomía e integración social.

Neste punto é onde xorde a colaboración entre o Concello de Lugo e a asociación para impartir o curso Limpeza e tratamento de residuos sólidos urbanos de 115 horas de duración que se impartirá na aula do CEI-NODUS.

A actividade impartirase do 26 de outubro ao 13 de novembro de 2009 en horario de 10,00 a 14,00 horas de luns a venres.

Obxectivos do curso
O curso, de 15 prazas, pretende que os alumnos saiban distinguir os diferentes tipos e tratamentos de residuos, clasificándoos de forma correcta para unha adecuada limpeza e recollida.

Así mesmo, FEAFES rubricou un acordo con Urbaser, representada por Juan Ángel Moreno, para realizar as prácticas referentes ao curso na empresa concesionaria da limpeza viaria do Goberno Local.

Algúns datos
FEAFES Galicia representa a 32.624 persoas con discapacidade a causa dunha enfermidade mental e integra a 14 asociacións.

Multimedia

Noticias relacionadas