O Concello de Lugo celebra que a Xunta dea, por fin, os pasos necesarios para crear no HULA o servizo de Radioterapia que Feijóo prometeu hai catro anos

O Voceiro do Goberno local destaca que o servizo de Radioterapia é froito da presión dos lucenses e anuncia que sucederá o mesmo con Hemodinámica 24 horas

Mércores, 01 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo celebra que a Xunta dea, por fin, os pasos necesarios para crear no HULA o servizo de Radioterapia que Feijóo prometeu hai catro anos

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, congratulouse hoxe de que, por fin, a Xunta de Galicia estea a dar os pasos necesarios para poñer en marcha no Hospital Universitario Lucus Augusti o servizo de Radioterapia e salientou que a creación do mesmo é consecuencia da presión popular, grazas ó cual Lugo tamén conquerirá que o HULA teña en funcionamento as 24 horas do día o servizo de Hemodinámica.

Luis Álvarez amosou a súa satisfacción pola adxudicación da compra dun acelerador liñal para o HULA, anunciada hoxe polo Presidente da Xunta. O Voceiro do Goberno local deulle a benvida a esta decisión do Goberno galego e salientou que no Concello de Lugo “celebramos a noticia, aínda que se produza catro anos despois de que o Presidente da Xunta anunciara, na inauguración do Hospital, que se ían crear os servizos de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica nun prazo de tres meses”.

“A adxudicación faise grazas á presión popular dos lucenses”, destacou o Voceiro do Goberno local e pronosticou que o mesmo sucederá co servizo de Hemodinámica 24 horas.

“Imolo conseguir”, asegurou Luis Álvarez pero advertiu de que, tendo en conta o comportamento da Xunta, “só a presión popular fará que funcione en Lugo Hemodinámica durante as 24 horas”.

O Voceiro do Goberno local agradeceu que a Deputación provincial tomara a iniciativa de ofrecerse a cofinanciar o servizo coa Xunta de Galicia e instou ó Goberno galego a sentarse a negociar os termos de ese ofrecemento.

Luis Álvarez tamén instou ó Voceiro do PP no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, a defender os intereses dos lucenses e non supeditalos ó que lle convén en cada momento á Xunta. Neste sentido, animouno a que tome nota das declaracións feitas por dous compañeiros seus de partido, médicos de profesión os dous, o exAlcalde de Palas e o Alcalde de Friol.

Accesos a Soñar, Carballido e Pedreda

O Voceiro do Goberno local fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local que aprobou hoxe, entre outros asuntos, a apertura do procedemento para contratar obras de mellora nos accesos ás parroquias de Soñar, Carballido e Pedreda cun investimento total de 199.000 euros. Esta actuación executarase con 164.000 euros procedentes de fondos achegados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Local e o resto, a cantidade correspondente ó IVE, financiado polo propio Concello.

Asimesmo, a Xunta de Goberno acordou modificar o plego correspondente ó procedemento para a instalación de postos de elaboración de comidas durante as festas do Arde Lucus, xa que o número total de postos será de 13, un menos dos inicialmente previstos porque as obras de ampliación da Casa do Concello só permitirán colocar un dos postos proxectados na praza de Anxo Fernández Gómez.

Audio da rolda de prensa do Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez

 

Multimedia

  • O Concello de Lugo celebra que a Xunta dea, por fin, os pasos necesarios para crear no HULA o servizo de Radioterapia que Feijóo prometeu hai catro anos

Noticias relacionadas