O Concello de Lugo celebra o Día Mundial sen Tabaco

Luns, 31 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, a presidenta da Asociación da Loita contra o Cancro, María Concepción de Martín Varela, e o presidente do Comité Técnico de Hematoloxía de Lugo, Miguel González, presentaron as actividades organizadas con motivo do Día Mundial sen Tabaco.

A Concelleira resaltou o traballo que se está a levar a cabo desde o Servizo Municipal de Prevención das Drogodependencias para intentar frear o consumo do tabaco, sobre todo entre os máis mozos.

Basadre indicou que “a idade de inicio no tabaco sitúase entorno aos 10-11 anos, é importante tamén que na Secundaria a metade dos rapaces probaron algunha vez o tabaco, sendo o consumo das rapazas nesta etapa igual ou maior que o dos rapaces”, e engadiu que en dous anos, a porcentaxe de menores que fuma a diario pasou do 25,7% ó 25,2% (no caso dos rapaces de 12-18 anos) e do 29 ó 21% no caso das rapazas da mesma idade, pero aínda debemos seguir traballando para diminuír as cifras de fumadores”.

Por outra banda, a Concelleira explicou que esta tarde, ente as 18:00 e as 20:00 horas, un grupo de zancudos percorrerán as rúas do centro da cidade cambiando pitillos por piruletas e dando información sobre as consecuencias do tabaquismo.

A presidenta da Asociación contra o cancro explicou que un de cada tres mozos e mozas en España son fumadores pasivos, unha feito que lles pode facer perder ata 14 anos de vida.

Ademais, Miguel González explicou que hai que tomar unha serie de medidas necesarias para frenar o consumo do tabaco:

1.- Mellorar o control da promoción e venta do tabaco entre a mocidade.
2.- Conseguir lugares de ocio e hostaleiros sen fume
3.- Reflectir a importancia do tabaquismo pasivo.
4.- Diminuír o número de fumadores.
5.- Diminuír a venta de tabaco.
6.- Desenvolvemento das leis
7.- Introducir un circuíto de asistencia ao fumador que quere deixar de fumar
8.- Tomar as medidas necesarias para que España deixe de ser o estanco de Europa.

http://www.lugo.es/prevenciondrogas

 

Noticias relacionadas