O Concello de Lugo celebra o Día das Letras Galegas

Venres, 13 de maio de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O martes ás 11.30 horas terá lugar a apertura da Feira do Libro, que este ano cumpre a súa 29 edición, e que se prolongará ata o domingo 22 de maio

A Concellería de Educación organiza para o Día das Letras Galegas o Festival de Danza Tradicional Galega como remate a esta actividade extraescolar

A Concellería de Benestar Social e Igualdade programa unha actuación da Coral Xeada no Centro de Convivencia de Fingoi ás 18.00 horas

A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, xunto co responsable da Comisión técnica da feira, Antonio Fernández Maira, e a Directora técnica da feira, Ana Isabel López Fandiño, presentaron esta mañá a programación da 29 edición da Feira do Libro de Lugo que dará comezo o martes día 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Nuria Mundiña destacou as actividades previstas para o día da inauguración da Feira do Libro, que coincide co Día das Letras Galegas, e que dará comezo ás 11.30 horas. Para as 12.00 horas está previsto a celebración dun Festival de música e danza, na Praza Maior de Lugo, a cargo de alumnas e alumnos dos centros de ensino da cidade. Ás 13.00 horas a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto de música galega.

Xa pola tarde, e segundo explicou a Concelleira de Cultura, levarase a cabo un recital poético a cargo de poetas de Lugo, e que xirará arredor da figura de Lois Pereiro. A inauguración oficial da Feira do Libro será ás 19.45 horas, e contará cunha actuación de música tradicional galega, unha homenaxe da Federación de Libreiros de Galicia á Libraría La Voz de la Verdad polo centenario da súa fundación, e o pregón inaugural, que correrá a cargo da escritora e académica Margarita Ledo Andión.

A Feira do Libro contará con múltiples actividades como presentacións, firmas de libros, actuacións musicais ou obradoiros. As instalacións estarán ubicadas na Praza Maior de Lugo en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. As fins de semana e festivos, o horario será de 11.30 a 14.30 horas e de 17.00 a 21 horas. Segundo anunciou o responsable da Comisión técnica da feira, Antonio Fernández, os libros terán un desconto dun 10%. Os participantes nesta 29 edición da Feira do Libro son: Librería La Voz de la Verdad (Lugo), Librería Cartabón (Vigo), Gran Enciclopedia Galega, Deputación Provincial, Biblioteca Pública, Secretaría e Información, Librería Evangélica, El Patito Editorial, Librería Aguirre (Lugo) e Librería Trama (Lugo).

Actos das Concellerías de Educación e Benestar Social

A Concellería de Educación, que dirixe Dolores Vieiro, organiza, un ano máis, o Festival de Danza Tradicional Galega. Esta actividade serve como remate desta actividade extraescolar impartida nos colexios públicos da cidade de Lugo. Será o vindeiro martes, día 17 de maio, coincidindo coa festividade do Día das Letras Galegas.

Ás 12.00 horas, os rapaces e rapazas xuntaranse na Praza Maior para rodeala unha vez, colocándose nos sitios asignados, que serán nos laterais (cantón e colexio Franciscanos). Seguidamente, diranse unhas palabras para que dea comezo a actividade, que consistirá en varias pezas musicais de gaitas acompañadas co baile, cunha duración aproximada de 45 minutos. Ás 12.45 horas darase por finalizada esta actividade.

Dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Carmen Basadre, organízase como acto conmemorativo do Día das Letras Galegas unha actuación da Coral Xeada, dirixida por Isidro Sanchón. A actuación será ás 18.00 horas no Centro de Convivencia de Fingoi. A Concellería de Benestar Social e Igualdade e a Deputación Provincial de Lugo, a través do programa Km0, xa organizaron, o pasado día 10 de maio, unha excursión a Monforte de Lemos no que se visitou a Casa da Cultura onde se atopa unha exposición sobre a vida e obra de Lois Pereiro a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.

Programa de Actos 29 Feira do Libro de Lugo

Día 17 de maio. Martes. Día das Letras Galegas

11.30.- Apertura da Feira do Libro
12.00.- Festival de música e danza na Praza Maior de Lugo, a cargo de alumnos e alumnas dos centros de ensino da cidade.
13.00.- Concerto de música galega da Banda Municipal de Música na Praza Maior.
18.30.- Recital Poético. Poetas de Lugo arredor de Lois Pereiro. Participan Xavier Rodríguez Barrio, Isidro Novo, Xerardo Quintiá, Xosé Miranda e Manuel Xosé Neira.
19.45.- Inauguración oficial.
Actuación dun grupo de música tradicional galega.
Homenaxe da Federación de Libreiros de Galicia á Libraría La Voz de la Verdad polo centenario da súa fundación.
Pregón inaugural a cargo da escritora e académica Margarita Ledo Andión.
20.45.- Sorteo dun lote de libros.

Día 18 de maio. Mércores

17.00.- Actividades para nenos. Espectacular actuación do Mago Toño.
18.00.- A música na Feira do Libro. Concertos dos alumnos do Conservatorio de Música de Lugo e da Escola de Música Galem.
20.00.- O escritor Diego Ameixeiras presentará o seu libro “Asasinato no Consello Nacional”, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
20.45.- Sorteo dun lote de libros.

Día 19 de maio. Xoves

17.00.- Actividades para nenos. Divertido obradoiro de marcapáxinas, dirixido por integrantes do grupo Brétema.
17.45.- A música na Feira do Libro. Concertos dos grupos Mythical Fail e Janie’s Gun, da Academia de Música Fábrica de Sons e dos alumnos da Escola de Música Galem.
20.00.- Presentación do nº14 da revista Xistral. No acto haberá un recital dos autores dos poemas recollidos na publicación, coa coordinación do director da mesma Camilo Gómez Torres. Tamén participarán no acto o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña.
20.45.- Sorteo dun lote de libros.

Día 20 de maio. Venres

17.00.- Actividades para nenos. “Contos de aquí e de acolá”, a cargo de Fátima.
18.00.- A música na Feira do Libro. Concertos dos alumnos da Escola de Música Galem e dos grupos Mythical Fail e Janie’s Gun, da Academia de Música Fábrica de Sons e dos alumnos do Conservatorio de Música de Lugo.
19.00.- “Cancións do mundo”. Concerto do coro infantil do Conservatorio de Música de Lugo, dirixido por Henar Matesanz Fernández. Interpretarán “Tongo” (tradicional de Polinesia), “Balaio” (tradicional de Portugal), “Siyahamba” (tradicional zulú), “Akaihana” (tradicional de Xapón), “Scoobe do song” (Susie Davies), “Shalom” (tradicional de Israel), “Calipso” (Jan Holdstock) e “Compañeira” (tradicional galega).
19.30.- O escritor Francisco Narla asinará exemplares do seu libro “Caja negra”, publicado por Alberto Santos. Imágica Ediciones.
20.00.- Presentación do libro de maxia e poesía “Abrapalabra”, do mago Carlos Coira e o poeta Antón Cortizas, publicado pola Editorial Galaxia.
20.45.- Sorteo dun lote de libros.

Día 21 de maio. Sábado

18.00.- Concerto dos alumnos de vento e madeira (oboes, frautas, saxofóns) do Conservatorio de Música de Lugo.
19.00.- Presentación do libro “Golfiño e os invasores”, de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial.
19.30.- O escritor Iván García Campos asinará exeplares do seu libro “O imposible de desatar”, Premio Blanco Amor de Novela 2010, publicado por Editorial Galaxia.
20.00.- Presentación dos libros “Baubo Pubiclub”, de Basico Rodríguez e “Ensaio sobre a novela como poética escura”, de Nicanor Tischler Barán, publicados por A Gracia Veniais Edicións. Xunto cos autores dos libros, estarán presentes no acto María Xosé Vidal, profesora de galego do IES A Pinguela, de Monforte de Lemos, e o representante da editorial, Xosé Manuel Gayoso.
20.45.- Sorteo dun lote de libros.

Día 22 de maio. Domingo

13.30.- Actividades para nenos. Contacontos “Xogando cos contos”.
18.30.- Actuación do actor e humorista Cándido Pazó co seu espectáculo “Cunqueiradas”.
20.45.- Sorteo dun lote de libros.
21.00.- Peche da Feira do Libro.

Multimedia

Noticias relacionadas