O Concello de Lugo axilizará a tramitación de licenzas urbanísticas coa plataforma dixital do Colexio de Arquitectos

A alcaldesa, Lara Méndez, asina un acordo de colaboración co COAG que “nos permitirá acortar tempos no 95% dos procedementos urbanísticos que necesitan visados”.

A decana do Colexio, Elena Ampudia, explica que se garante “unha tramitación telemática “eficiente con independencia do grao de desenvolvemento tecnolóxico do administrado”.

O convenio suporá una minoración de custes económicos e de cargas administrativas para as persoas tanto físicas como xurídicas usuarias do servizo.

Martes, 02 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo axilizará a tramitación de licenzas urbanísticas coa plataforma dixital do Colexio de Arquitectos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinou esta mañá un convenio de colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, representado pola súa decana, Elena Ampudia, co fin de axilizar e simplificar a tramitación das licencias e outros actos urbanísticos ao permitir que o Concello descargue a documentación técnica dos solicitantes a través da plataforma dixital do COAG.

O convenio, que terá a vixencia dun ano, suporá una minoración de custes económicos e de cargas administrativas para as persoas tanto físicas como xurídicas solicitantes xa que non terán que achegar nin incorporar nas peticións de licencias documentación que xa estea visada polo COAG, ademais de reducir tamén a carga do traballo do rexistro presencial do Concello e na área Urbanística.

A rexedora destacou o ánimo de colaboración entre a administración local co Colexio de Arquitectos, “xa que entre todos podemos mellorar os servizos que se ofrecen a cidadanía. Neste caso, o acordo permitirá axilizar a xestión do 95% dos procedementos urbanísticos que requiren visado e son tramitados polo concello e, ademais, conlevará beneficios aparellados como os medioambientais e a transparencia na xestión, que son claves tamén no noso modelo de cidade”.

O operativo ofrecerá validez legal á documentación que se incorpora nos expedientes administrativos, e certificará a seguridade xurídica de todos os actos administrativos.

Na sinatura tamén estiveron presentes o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, así como a presidenta da Delegación de Lugo do Colexio profesional, Carmen Figueiras.

Elena Ampudia e Carmen Figueiras, explicaron que o uso da plataforma colexial, como “gran contedor de documentación”, garante a implantación e desenvolvemento da tramitación telemática nas administracións de maneira “eficiente” con independencia do grao de desenvolvemento tecnolóxico do administrado.

O convenio tamén permitirá a normalización da documentación técnica e administrativa de carácter xeral. Esta documentación, tramitada no Concello de Lugo, atoparase tipificada, estruturada e asinada conforme ao modelo normalizado que o Colexio de Arquitectos se encarga de ter axeitadamente actualizado segundo as disposicións legais vixentes.

Ademais, o acordo asegura a garantía sobre a identidade e habilitación dos técnicos redactores no caso de traballos visados e sobre a identidade e colexiación noutros casos. O procedemento de tramitación colexial inclúe estas verificacións dos técnicos asinantes, polo que se evitará a solicitude e xestión de documentación adicional para a súa verificación por parte do Concello de Lugo.

Así mesmo, habilitarase un mecanismo telemático que permitirá ao Concello de Lugo, coa conformidade do solicitante da licenza urbanística ou tramitación urbanística, así como dos técnicos redactores do traballo profesional vinculado, obter en formato electrónico unha copia da documentación técnica e administrativa tramitada no Colexio de Arquitectos. Así, eximirase aos solicitantes da licenza urbanística ou tramitación urbanística da obriga de achegar dita documentación en papel ou dixital aos diferentes departamentos administrativos do Concello de Lugo. 

Audio

 

Noticias relacionadas