O Concello de Lugo avanza na regularización do persoal coa reasignación de 20 traballadores aos seus postos de orixe

A área de Gobernanza subsana así as deficiencias detectadas pola ocupación de medio cento de adscricións provisionais por motivos de saúde que non foran debidamente xustificadas

A medida súmase a outras xa impulsadas polo executivo de Lara Méndez, como a entrada en vigor dunha nova RPT, a materialización das OPES anteriores así como a convocatoria da OPE 2020, a provisión regrada dos postos de xefatura do concello ou a implantación de criterios para a asignación da produtividade, coas que se persegue efectivizar os recursos municipais

Xoves, 24 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo avanza na regularización do persoal coa reasignación de 20 traballadores aos seus postos de orixe

O goberno de Lara Méndez continúa a dar pasos na regularización do persoal e na modernización da administración municipal para incrementar a súa eficiencia e establecer unha estrutura organizativa ordenada, xerarquizada e áxil ao servizo da cidadanía.

Así, 20 traballadores veñen de regresar aos seus postos de orixe logo de permanecer máis tempo do debido en adscricións provisionais por motivos de saúde sen acreditar a continuidade das súas doenzas.

“Tras detectar que estas persoas non se someteran a ningún tipo de control psicofísico posterior ao seu traslado e que, polo tanto, non se procedera nin á reversión da medida nin á convalición definitiva da súa situación laboral, cumpría corrixir a disfunción atopada pola Intervención para poñer fin a unha utilización indebida da figura do procedemento extraordinario de mobilidade”, explicou a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos.

A concelleira abondou que a medida contribuirá tamén a dimensionar servizos que actualmente se atopan infradotados en materia de recursos humanos “ata acadar o obxectivo de fornecelos do número de efectivos acorde ás súas necesidades reais, segundo a carga de tarefas que asumen”.

A concelleira de Persoal destacou tamén que esta reasignación de traballadores se suma a outras actuacións xa adoptadas recentemente polo executivo local entre as que se atopan a entrada en vigor dunha nova RPT, a provisión regrada dos postos de traballo de xefatura, a materialización das OPE’s anteriores e a convocatoria da de 2020 así como a creación e posta en marcha de bolsas de traballo para 42 categorías profesionais.

Noticias relacionadas