O Concello de Lugo asina un convenio cos Colexios de Arquitectos e Aparelladores para facilitar á cidadanía a realización da ITE

Xoves, 30 de xullo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* Os cursos sobre a ITE nos que participan máis de 150 profesionais comezan esta tarde no Centro Social Maruja Mallo

A Delegada da Área de Urbanismo, María Novo, anunciou que o Concello de Lugo ven de firmar un convenio de colaboración co Colexio Profesional de Arquitectos e co Colexio Profesional de Aparelladores e Arquitectos Técnicos para facilitar técnica e economicamente aos veciños a obriga legal de levar a cabo a inspección técnica de edificios (ITE).

María Novo explicou que esta inspección deberán pasala os edificios de máis de 30 anos para garantir a seguridade dos propietarios dos mesmos e a do resto da cidadanía.

A través deste convenio os Colexios comprométense á difusión da Ordenanza sobre a ITE e a organizar cursos de formación técnica respecto da elaboración dos informes da Inspección Técnica da Edificación e da Ficha Técnica de Edificación. Estes informes faranse dacordo cos modelos oficiais aprobados xunto coa ordenanza, contando coa colaboración dos técnicos municipais.

Os Colexios Profesionais organizarán, ademais, entre os seus colexiados unhas listas de traballo, tanto para aqueles casos nos que os propietarios, de forma voluntaria, soliciten a asignación dun técnico para a realización do informe de inspección, como para aqueles outros casos nos que, tras comprobar o incumprimento dos propietarios da realización do informe, ordene o Concello a práctica do procedemento de execución subsidiaria e sempre dentro dos límites do contrato menor.

O nomeamento dos colexiados realizarase polos Colexios Profesionais, confeccionando unha lista específica na que se adscribirán aqueles colexiados que o soliciten e que teñan asistido aos cursos de formación que se celebren en relación coa Inspección Técnica de Edificios, excluíndose das mesmas calquera colexiado que teña a condición de funcionario. Os cursos comezarán ás 17:00 horas desta tarde coa primeira sesión no Centro de Convivencia Maruja Mallo, coa asistencia de máis de 150 profesionais, e continuarán no mes de setembro.

No caso de execución subsidiaria, o Concello comprométese a intercalar para a execución dos traballos, os nomes dos profesionais incluídos nas listas elaboradas en cada uns dos Colexios asinantes. Os propietarios que non cumpran coa inspección, segundo indicou a Delegada, poderán ser sancionados de dúas maneiras: cunha sanción dun mínimo de 600 euros e impedindo que se acollan ás axudas que vai a dar o Concello. Neste sentido Novo lembrou que ademais, “o equipo de Goberno está a estudar a posibilidade de establecer algún tipo de subvención para axudar aos veciños e veciñas con rendas máis baixas a realizar estas inspeccións obrigatorias”. Trátase dunha mostra máis do esforzo do Goberno Local para atender á situación de crise actual e manterse ao carón da cidadanía.

A Delegada lembrou que as inspeccións técnicas deberán realizarse segundo as seguintes datas:

- Os edificios anteriores ao ano 1951 deberán realizala entre o ano 2009 e o 2010.
- Os construídos entre 1952 e 1965 no ano 2011
- Os edificios construídos entre 1966 e 1982 deberán facela no ano 2012.

A partir do ano 2012 deberán pasar esta inspección os edificios que vaian cumprindo 30 anos dende a súa construción ou obra de rehabilitación. Ademais, poderán facelo de forma voluntaria aqueles propietarios dos inmobles que teñen menos de 30 anos.

Para saber o prezo das inspeccións pódese consultar o convenio asinado cos colexios profesionais.

ITE - Inspección Técnica de Edificios

Multimedia

Noticias relacionadas