O Concello de Lugo aprobará mañá o prego de condicións para contratar o servizo público de transporte de viaxeiros

Martes, 01 de abril de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O contrato prevé a renovación e ampliación da flota de autobuses, novos servizos de buses e o uso das novas tecnoloxías para dar información ós usuarios 


O Concello anunciará a convocatoria do contrato no Diario da Unión Europea para conseguir as mellores ofertas do mercado

A concesión ten un presuposto anual de 3,2 millóns de euros e, na adxudicación, valorarase o compromiso que asuman as empresas para aumentar a cifra de viaxeiros 
O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, presentaron hoxe o prego de condicións que rexerán a contratación da concesión do servizo de transporte urbano de viaxeiros de Lugo. Os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares serán aprobados mañá pola Xunta de Goberno Local e son o resultado do traballo feito durante meses por unha Comisión, presidida polo Alcalde, na que participaron máis de dez funcionarios de distintos servizos municipais. 
O Alcalde explicou que o prego establece os distintos requisitos desta convocatoria, que se fará polo procedemento aberto, coa que “o Concello quere asegurar que o transporte urbano de Lugo sexa un servizo de calidade coas mellores condicións económicas” para as arcas municipais.
López Orozco explicou que, entre outras medidas, prevese a renovación e ampliación da flota de autobuses, contémplase un servizo especial de buses que recorra o Casco histórico e tamén o reforzamento das liñas que comunican o HULA, os polígonos industriais, a zona rural, o Balneario e o barrio da Ponte. 
Tamén se introducirán importantes melloras, segundo explicou o Alcalde, para facilitar información sobre o servizo de transporte público urbano ós usuarios, co uso de canles como a Internet ou a telefonía móbil.
A vixencia do contrato será por 10 anos prorrogables ata un máximo de 15 e o orzamento anual previsto é de 3,2 millóns de euros. As principais novidades económicas do prego son o establecemento do prezo por kilómetro que se fixa en 2,30 euros, o que permitirá atender unha futura ampliación das liñas.
O prego inclúe, ademais, diversas medidas coas que se pretende garantir que optan á concesión as mellores ofertas posibles do mercado, así como asegurar a solvencia do servizo e que a adxudicación se fai en condicións de total obxectividade e transparencia e con igualdade de información para todas as empresas aspirantes. 
Co fin de que se presenten o maior número de empresas, o Concello publicará o anuncio desta convocatoria, aínda que non está obrigado a facelo, no Diario Oficial da Unión Europea. 
Renovación da flota e novos servizos
O Alcalde salientou que a primeira consecuencia desta convocatoria, é que se vai producir unha importante renovacion da flota de autobuses no transporte público colectivo de Lugo. Se na actualidade o servizo conta con 21 autobuses, tralo inicio do novo contrato esta flota será de 25, introducíndose ademais a obriga de que a idade media desta flota nunca poderá superar os 10 anos e a antiguedade máxima de cada autobus non poderá exceder de 15 anos. 
Co inicio do contrato deberán renovarse dende o primeiro momento 10 autobuses.
Os vehículos deberán ter en conta a atención colectivos con diversidade funcional e aspectos medioambientais. Coa oferta, as empresas deberán presentar un plan de mantemento da flota e un plan de limpeza dos vehículos para a súa valoración na licitación.
López Orozco tamén sinalou que durante o segundo ano de concesión, a adxudicataria comprometerase a establecer un plan piloto de eficiencia enerxética, baseado na adquisición de, polo menos, un vehículo de fontes enerxéticas e emisións distintas que se poida utilizar como base para a toma de decisións na renovación da flota durante o período da concesión. 
O Alcalde sinalou que no prego prevese que haberá, alomenos, un autobús, con características especiais, para dar servizo ó Casco histórico, se contempla reforzamento ó HULA, ós polígonos industriais, a zona rural e ó barrio da Ponte, que tamén dará servizo ó Balneario.
Ademais, o adxudicatario deberá, nun prazo de doce meses, a partir do inicio do servizo, analizar o comportamento da demanda de viaxeiros e propoñer unha planificación de obxectivos de mellora. 
Tocante ás paradas, o seu número, localización e definición é cometido do Concello.
Calidade do servizo
Outras novidades que contribuirán a modernizar o servizo de transporte no noso concello teñen que ver cos requisitos de calidade que deberá cumprir o servizo. O prego establece que o servizo deberá cumprir unha serie de requisitos de calidade, que se verificarán mediante o control de indicadores de aspectos como calidade horaria, calidade dos autobuses, calidade da información, do tratamento das reclamacións e de satisfacción do cliente.
Incorporase un sistema de axuda á explotación  técnicamente avanzado, que permitirá ao Concello obter información en tempo real de calquera incidencia na xestión diaria do servizo (avarías, impuntualidades, frecuencias, número de pasaxeiros… etc), o cal favorecerá o control que o Concello terá sobre o funcionamento do mesmo, tanto dende o punto de vista económico como técnico. Establécense mecanismos de control co obxecto de garantir a fiabilidade dos datos aportados sobre viaxeiras/os e ingresos, e o control económico e operativo do servizo, o Concello terá acceso online a toda a información xerada polo sistema de pagamento.
Sistemas de pago e información
Os sistemas de pago deberán ser compatibles tanto coa tarxeta cidadá como coa metropolitana
A principal novidade en canto á información ós usuarios é a obriga da concesionaria de dispor dunha páxina web e de facilitar información a través da telefonía móbil. A web terá un enlace desde a do Concello e debe ofrecer o plano da rede e de cada liña, un planificador de viaxes, información dinámica do servizo a través do sistema de axuda á explotación. Tamén debe ter un espazo para avisar das incidencia temporais. 
A través da web e da telefonía móbil, o sistema permitiralles ós usuarios consultar a estimación de paso por parada das distintas liñas, e deberá permitir a súa integración con sistemas de posición por satélite para poder facer zoom sobre as liñas e ver imaxes reais das paradas. Os ususarios tamén poderán consultar, por sms, a previsión  do paso por parada dos vehículos dende o seu móbil. 
Ademais, deberá garantir a información tanto a través do sistema de axuda á explotación como nas marquesinas e no interior dos propios autobuses. Tamén terá que editar planos guía, alomenos tres veces ó ano, e distribuilos en lugares como estacións de viaxeiros, hoteis e o centro de atención cidadá municipal. 
Vixencia e prezo do contrato
A duración do contrato será de 10 anos que se poderá prorrogar por cinco máis, ata un máximo de 15 anos, segundo explicou a Concelleira de Economía.
“Buscamos un obxectivo que supón ter un servizo de calidade con mellores condicións económicas que o actual, por iso se decidiu establecer un prezo por kilómetro, de 2,30 euros”, sinalou Sonia Méndez. 
As anualidades serán de 3.279.346 euros, orzamento no que se incluirá tanto o desembolso económico que fará o Concello como o importe das tarifas dos billetes que paguan os usuarios do servizo, así como as subvencións ó transporte público que percibe a administración local.
Co novo contrato, o Concello busca as mellores condicións económicas xa que, actualmente, se lle pagan os gastos ó contratista sen que éste prácticamente teña que asumir ningunha responsabilidade nin risco económico. Deste xeito, salientou Méndez, sí se lle dará responsabilidade á empresa e tamén nos parece acaído establecer un prezo por kilómetro porque un dos obxectivos é a ampliación e mellora de liñas. 
A Concelleira de Economía engadiu que “tamén queremos conseguir que o Concello teña máis control sobre este servizo, por iso, se obrigará á concesionaria a crear unha sociedade anónima, con sede en Lugo, que será a titular da concesión, o obxecto exclusivo desta sociedade debe ser a explotación deste contrato. Esta obriga establécese para poder garantir o control das contas da concesionaria e que o Concello poida rexir mellor o control deste gasto público”. 
Garantías de solvencia
 
Con este prego tamén se establecen medidas para previr problemas de solvencia económica que puideran poñer en risco no futuro o servizo, tendo en conta que, neste momento, as administracións vense obrigadas a facerlle fronte, ás veces, a problemas derivados das dificultades económicas dalgunhas adxudicatarias.
Por este motivo establécense requisitos co fin de que a futura concesionaria sexa unha empresa solvente, tanto dende o punto de vista económico como técnico.
Para elo esíxese que as empresas teñan un volume de negocio anual, como mínimo, de catro millóns de euros. E para acreditar a solvencia técnica, deberán prestar servizo de transporte urbano de alomentos 2 millóns de viaxeiros/ano ou ben de 1,5 millóns de kilómetros percorridos ó ano. Tamén se esixirá ás empresas que se presenten  certificados de xestión ambiental e se lles pedirá unha garantía provisional de 165.000 euros que asegure a seriedade das propostas.
“Pensamos que con estes requisitos a empresa que resulte adxudicataria terá unha  solvencia económica contrastada”, destacou Sonia Méndez que tamén salientou que “outro obxectivo deste concurso é que haxa unha gran concorrencia de empresas para lograr que se presenten as mellores ofertas para o Concello”. 
Máxima difusión e transparencia
Por este motivo, para asegurar que se presenten o maior número posible de empresas que hai no mercado tomouse a decisión de anuncialo, aínda que non é obrigado, no Diario Oficial da Unión Europea. Ademais, para asegurar que todos os licitadores teñan a mesma información, disporán de quince días de prazo para solicitar aclaracións e as respostas publicaranse no Perfil do Contratante, e tamén terán oportunidade de  examinar ós autobuses e os medios auxiliares dos que dispón agora o servizo.
Trala publicación no Diario Oficial da UE, o prazo de presentación de ofertas será de 52 días naturais. As propostas serán avaliadas por unha Comisión interdisciplinar e os criterios de cálculo matemático serán os que determinen a adxudicación. 
“Pensamos que é unha garantía para as empresas e neste un 84% dos criterios serán matemáticos,  e teranse en conta, por exemplo, o número de frecuencias de autobuses, o compromiso inicial de viaxeiros e as medidas para aumentar esta cifra, o prezo por kilómetro, o cánon de publicidade ou a oferta de prazas de mobilidade reducida”, explicou a Concelleira de Economía.
Outro aspecto destacado do prego é a incorporación dun sistema para incentivar que as empresas se comprometan a aumentar o número de viaxeiros, mellorar a puntualidade e outras medidas de calidade e boas prácticas que redunden na satisfacción dos usuarios e no uso de enerxías menos contaminantes.

Multimedia

Noticias relacionadas