O Concello de Lugo aproba a contratación de obras dun edificio dotacional destinado á Policía Local e a Protección Civil

Mércores, 09 de setembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade e portavoz do Equipo de Goberno, José Rábade, deu conta esta mañá, logo da Xunta de Goberno, da aprobación da contratación de obras dun edificio dotacional destinado á Policía Local e a Protección Civil. Tal e como explicou o prazo de execución será de 15 meses e contará cun orzamento máximo de 3.183.465 euros. O prazo para a presentación de propostas será de 26 días.

Esta actuación permitirá ademais liberar a actual sede de Policía Local e recuperar, dentro do Plan Urban, o edificio da vella cárcere para fins lúdicos e culturais.

José Rábade explicou que o edifico estará situado no barrio de San Fiz, no Sector Sur-K, unha zona en crecemento que dende o Concello se está a revitalizar coa futura construción do edificio do Centro Tecnolóxico e Agroalimentario (CETAL) e un centro cívico. O edificio ubícase nunha nova área de expansión urbana sita na zona sur da cidade que presenta unha adecuada conexión coas principais arterias de Lugo de modo que a conectividade co resto da cidade queda garantida. A parcela na que se situará o novo edificio conta cunha extensión de 3.279 metros.

O proxecto foi encargado á empresa Mestura e foi seleccionado por:
- A súa calidade arquitectónica e estética, adecuación dos espazos ao programa de necesidades
- A facilidade de circulación de persoas e vehículos
- A sostibilidade e aforro enerxético

Aproveitamento do espazo
O anteproxecto plantexa un edificio cun retraso da aliñación vial coa intención de xerar un amplo espazo, unha praza exterior de acceso. A estrutura establécese en forma de U arredor dun patio que articula e xerarquiza os diferentes usos, aportando iluminación aos principais percorridos interiores e facilitando a transición do espazo exterior cara o interior do edificio.

Esta estrutura permite diferenciar a ubicación das dependencias da Policía Local e Protección Civil xa que, aínda que comparten algunhas áreas como é o ximnasio e a sala polivalente, requiren un funcionamento completamente independente. Isto é posible grazas a unha clara sectoralización das plantas baixa e primeira tanto a nivel de circulación de interiores como na configuración volumétrica do edificio.

A complexidade do programa de necesidades que plantexa este tipo de edificios e necesaria convivencia de dous servizos que requiren un funcionamento independente, suxeriu unha proposta volumétrica e distributiva dotada de certa flexibilidade para absorber posibles variacións de necesidades e permitindo a ampliación da superficie construída.

Obras nos camiños rurais
Así mesmo, Lino González Dopeso, Concelleiro de Medio Rural, deu conta da execución de obras de infraestrutura nos camiños rurais no marco do PEIM (Programa Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural) 2009.

A actuación contará cun importe de 118.337 euros e permitirá melloras en camiños de Miau en Santa María Alta (455 m.), de escola de Calde a Igrexa de Lamas (1.500 m.), de Birbigueira en San Xoan do Campo (750 m.) , camiño de Salgueiro sen Santa María Magdalena de Adai (864 m.) e de Tajarro en Calde (1º tramo) (275 m.).

Multimedia

Noticias relacionadas