O Concello de Lugo aposta por un sistema de consumo real da auga que premie o aforro

Mércores, 14 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* A Xunta de Goberno aproba un convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Sanidade para levar a cabo programas de prevención de drogodependencias
* O Goberno Local recurrirá a sentencia sobre unha traballadora municipal por considerar que non existe mobbing e que a empregada viña realizando as funcións vencelladas ao seu posto de traballo

O Concello de Lugo aposta por un sistema de consumo real da auga que premie o aforro. Así o explicou hoxe a Concelleira de Economía e Emprego na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local. Sonia Méndez expuxo que aqueles que máis consumen serán os que paguen as facturas máis altas, primando a redución do consumo e conseguindo que non se baixe a recadación.

Tal e como explicou a Concelleira, a recadación non pode baixar “para dar cumprimento á normativa europea que obriga a cubrir os gastos derivados da prestación do servizo”.

Así mesmo, Sonia Méndez dixo que a subida se aplicará de xeito gradual, e por consumo real, tal e como viñan reclamando os partidos da oposición. Seguindo a normativa europea penalizaranse os consumos excesivos. Así, a maioría das familias pagará menos; arredor de 20.000 persoas, dos 55.000 usuarios, pagarán menos do que veñen facendo.

Co sistema que propón o Goberno Local manteríase a recadación, con posibilidade incluso de verse incrementada, tal e como recollen os informes dos técnicos municipais.

Sonia Méndez destacou que o consumo de auga en Lugo segue sendo moi barato. Así, o consumo por metro cúbico estará por baixo do euro, situándose por debaixo da media española e europea que se atopa nos tres euros.

Xunta de Goberno Local
O Goberno Local aprobou na Xunta de Goberno celebrada hoxe 3 licencias de obra e unha de primeira utilización.

Así mesmo, aprobouse un convenio de cooperación para o confinanciamento de programas de prevención de drogodependencias entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Lugo para o desenvolvemento de programas no ámbito escolar, familiar, mocidade e laboral ata o 30 de xuño de 2010.

O importe do cofinanciamento ascende a 112.174 euros dos que o Concello aboará 22.924 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou ademais a contratación da explotación da cafetería anexa ao centro de servizos sociais A Milagrosa II por un prazo de catro anos e un canon mensual de 350 euros para a primeira anualidade.

Sentencia traballadora municipal
En relación coa sentencia interposta por unha traballadora municipal, a Concelleira de Economía e Emprego manifestou que o Goberno Local acata e respeta a sentencia, se ben, tomou a decisión de recurrila ao entender que queda claramente demostrado que a empregada viña desempeñando as funcións que lle correspondían como técnica de comunicación.

Sonia Méndez aclarou que existe unha contradición na sentencia, posto que recoñece que realiza esas tarefas polo que non existe mobbing.

Multimedia

Noticias relacionadas