O Concello de Lugo anuncia a posta en marcha dunha serie de medidas para contribuir á mellora da situación económica actual

Luns, 21 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciaron a posta en marcha dunha serie de medidas que contribuirán a mellorar a actual situación económica.

López Orozco, anunciou que o Concello, que é a administración máis próxima á cidadanía "apretarase o cinto, para garantir a estabilidade das economías domésticas na medida das nosas posibilidades, e sen afectar nin o máis mínimo ao gasto social, que aumentará".

O goberno proporá ademais uns orzamentos para o 2009 que cumpran os obxectivos de mantemento do poder adquisitivo das familias, a sostibilidade medioambiental o investimento en política social e un emprego de calidade. Serán uns orzamentos adaptados á coxuntura económica, situación que require unha política de austeridade e contención, excepto no gasto social, que se incrementa.
 
A eficaz xestión económica municipal, con superávit nos últimos anos, permite que o Concello estea preparado para responder á actual situación.

Medidas que se adoptarán:

1.-  Conxelación dos salarios dos políticos e directores xerais do Concello de Lugo
O goberno local proporá aos partidos políticos da oposición a conxelación das retribucións para o 2009. Os responsables políticos destacaron que "se trata dunha medida que se adopta en tempos de dificultades económicas, nos que non debemos renunciar ao gasto en servizos públicos que benefician á cidadanía, pero si podemos renunciar a calquera incremento retributivo dos cargos políticos".
 
2.- Imposto de circulación
Por segundo ano consecutivo o goberno local conxelará este imposto que pagan 63.697 contribuíntes; é dicir, un ano máis este imposto non subirá nin un céntimo.

3.-  Imposto sobre bens inmobles
Por segundo ano consecutivo tamén se conxelará o tipo impositivo que corresponde fixar ao Concello.
Con este esforzo económico o Concello quere colaborar coas economías domésticas e diminuir o gasto familiar.

4.- Imposto de construcións, instalación e obras
O Concello levará a cabo un aumento da bonificación de ata o 50% a favor das construcións, instalacións ou obras, nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.

5.- Recibo da auga
Ao longo do ano reformarase o cobro da auga para beneficiar o consumo sostible e bonificar o consumo racional de auga.

6.- Incremento do gasto social
 É demostrada a aposta deste goberno local por realizar gasto corrente en servizos sociais (axuda no fogar, centros de día, vivenda, escolas infantís…). O equipo de goberno decide reforzar esta liña xa que, como destacou López Orozco “nesta situación económica é imprescindible a solidaridade cos que máis o necesitan”. Por iso, realizarase un esforzo económico nas partidas correspondentes a este gasto que no 2009 aumentarán.

7.- Aforro en gasto enerxético
Promoverase o aforro no consumo de luz, auga, calefacción, etc, conseguirase mediante a aplicación das medidas que estableza a auditoría enerxética que se realizará no Concello.

8.- Mantemento do nivel de investimento real en obra pública
Nos vindeiros anos estarán en construción, sen contar as obras do vello cárcere, 7 edificios públicos municipais:
* Centro Cívico e Casa das Linguas da Piringalla
* Escola Infantil da Piringalla
* Biblioteca da Piringalla
* Centro Cívico de Montirón-Sanfiz
* A  nova sede da policía e protección civil
* O MIHL, etc

Este nivel de obra pública permitirá paliar os efectos negativos da crise do sector da construción, e manter os postos de traballo directos e indirectos das empresas.

A esto hai que engadir o mantemento do investimento na mellora das rúas da cidade, instalacións deportivas e obras menores, que ademais son realizadas coa participación veciñal. 

9.- Pacto polo emprego
Lugo é a primeira cidade de Galicia na que todas as políticas activas de emprego son pactadas con patronal e sindicatos. O goberno local propón incrementar o orzamento en programas de inserción laboral, sen custo para os lucenses, xa que se continuará coa captación de fondos europeos que tan bo resultado está a dar.

En colaboración coa Consellería de Traballo, continuarase coa aposta por un emprego de calidade a través da formación e buscaranse saídas a través da reciclaxe profesional e da búsqueda de novos sectores profesionais ou nichos de emprego á marxe da construción.

10.- Axudas económicas a empresas
Por vez primeira o Concello de Lugo prestará axudas económicas á creación de empresas, completando as axudas existentes de Xunta, Goberno de España, etc. A estas sumaranse as axudas aos comercios en funcionamento na zona Urban para acondicionamento e rehabilitación de fachadas, rótulos, etc. Será grazas ao proxecto Urban e comezarán a aplicarse en 2009. Neste momento en que é necesario manter e aumentar os niveis de emprego da nosa cidade, é fundamental a axuda pública para a creación de empresas.

11.- Bonificacións
Continuarán as bonificacións adoptadas polo Concello de Lugo.

Noticias relacionadas