O Concello de Lugo agradece á cidadanía lucense os xestos de solidariedade recibidos durante as últimas semanas

A alcaldesa, Lara Méndez, solicita que os donativos económicos sexan derivados a colectivos e entidades benéficas que precisan de liquidez para sufragar as axudas sociais que conceden

Sábado, 11 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo agradece á cidadanía lucense os xestos de solidariedade recibidos durante as últimas semanas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quere agradecer as constantes mostras de solidariedade trasladadas ao Concello pola cidadanía de Lugo ao respecto da crise sanitaria.

 A rexedora sinala que durante as pasadas semanas foron moitas as empresas e particulares que non só transmitiron ánimos e que fixeron explícito o seu apoio, de diversas maneiras, á administración local e, por tanto, ao conxunto da sociedade lucense, senón que tamén amosaron a súa vontade de facer doazóns económicas á Institución.

 Neste sentido, Lara Méndez enxalza a súa xenerosidade mais sinala que a administración local goza dunhas contas saneadas que lle permiten facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da pandemia – como é, entre outras medidas, a creación dunha liña de axudas a Pemes, autónomos e familias a través do Plan Reanima Lugo para a que se dispuxeron 5 millóns de euros – e, polo tanto, solicita que todos estes donativos sexan derivados a entidades e colectivos que nestes momentos precisan ter liquidez para abordar con inmediatez as axudas de emerxencia social que constitúen a base do seu traballo.

 Por outra banda, a alcaldesa lembra que se siguen aceptando as aportacións de material de protección para o persoal municipal que debe permanecer en activo durante o Estado de Alarma, ante a escaseza do mesmo que continúa afectando ao mercado.

Noticias relacionadas