O Concello de Lugo adxudica por 1,5 millóns a obra do edificio Impulso Verde, que reducirá as emisións de CO2 un 90% grazas a madeira

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación dos traballos á empresa EGOIN S.A.

Lara Méndez: “Será un referente na loita contra o cambio climático e un revulsivo económico, pois con este proxecto buscamos dinamizar o sector forestal galego”

A edificación é a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se construirá en España desde cero, ubicado na Garaballa, e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias.

Lugo participará no 35º Congreso de Arquitectura Sostible e Deseño Urbano, que nesta edición se centrará na planificación das cidades post-carbono.

Mércores, 26 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo adxudica por 1,5 millóns a obra do edificio Impulso Verde, que reducirá as emisións de CO2 un 90% grazas a madeira

O executivo de Lara Méndez aprobou este mércores na Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras do edificio Impulso Verde, por 1,5 millóns de euros. A construción deste inmoble suporá a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España, que se levantará na zona Garaballa no marco da estratexia LIFE Lugo + Biodinámico, que lidera o Concello e no que conta coa colaboración da Deputación, a USC e a UPM.

O Impulso Verde será o primeiro edificio público da comunidade construído na súa totalidade con madeira de Galicia. A empresa adxudicataria dos traballos foi EGOIN S.A. e o prazo de execucion das obras será de 15 meses.

A alcaldesa destacou que “o Impulso Verde converterase nun referente na loita contra o cambio climático, apostando por un novo modelo construtivo máis respetuoso co medio ambiente, pero tamén será un revulsivo económico, pois con este proxecto buscamos dinamizar o sector forestal galego e contribuír ao seu pulo”. Neste senso, lembrou que o  proxecto de construción das cidades sostibles do futuro no que Lugo está a ser un referente a través da estratexia LIFE aposta polo uso da madeira como elemento estrutural.

Neste sentido, lembrou este modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Respecto ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións.

Esta edificación será a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se construirá en España desde cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias, que tamén se recollerán nun pioneiro Catálogo de Solucións Sostibles. Actualmente estase a estudar o proxecto polo que logo se rexirá o planemento urbanístico da zona.

Características do edificio

O Impulso Verde está deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa aplicación en cubertas, e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación en edificación en altura.

En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos.

De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

Participación no Congreso de Arquitectura Sostible e Deseño Urbano

A expectación que está a provocar a estratexia LIFE levará ao Concello de Lugo a participar no PLEA 2020, o 35º Congreso de Arquitectura Sostible e Deseño Urbano, que se celebrará en A Coruña do 1 ao 3 de setembro. A súa temática este ano estará centrada na planificación das cidades post-carbono e nas solucións de deseño, arquitectura e urbanismo sostibles e celebrarase de xeito telemático.

Será o xoves día 3 cando se realizará unha presentación do barrio multiecolóxico da Garaballa como modelo de resiliencia urbana exportable a outras cidades de tamaño medio. O Congreso reunirá a deseñadores, académicos, investigadores,  estudantes e profesionais en busca de mellores contornas e máis sostibles.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a obra do edificio Impulso Verde | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas