O Concello de Lugo, a Administración local de Galicia máis comprometida coa inserción laboral das persoas con discapacidade

A alcaldesa, Lara Méndez, recolleu este venres en Ourense o premio CEGASAL que recoñece a aposta do Goberno local en prol da empregabilidade do colectivo.

Actualmente a iniciativa social executa varios contratos municipais e as OPE’s en vigor contemplan a creación de 8 prazas reservadas a persoas con diversidade funcional.

Venres, 04 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo, a Administración local de Galicia máis comprometida coa inserción laboral das persoas con discapacidade

O Concello de Lugo foi recoñecido este venres co Premio Cegasal á Administración local máis comprometida de Galicia cos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social.

A alcaldesa, Lara Méndez, recolleu o galardón durante a celebración da V edición dos Premios organizados por esta Asociación Empresarial, que se celebrou no Teatro Principal de Ourense. A este respecto, a rexedora quixo ratificar a vontade do Goberno Local, xa dende o mandato anterior, de “pular pola inclusión efectiva dos colectivos vulnerables e das persoas con diversidade funcional en todos os ámbitos”.

Así, Lara Méndez lembrou que a Xunta de Goberno vén de adxudicar á empresa Coregal Parques e Xardíns o Plan de Embelecemento a través do cal se acometerán pequenas intervencións que mellorarán a conservación e acondicionamento dos barrios da capital cun investimento de 260.000 euros en dous anos, parte deles, ao abeiro da Estratexia Dusi – Muramiñae, cofinanciada nun 80% con fondos FEDER.

“Este é só un dos contratos que reservamos a Centros Especiais de Emprego ou Empresas de Inserción reguladas, pero temos outro exemplo na atención que se dispensa ao público nos centros de convivencia da cidade. A nosa aposta pola inserción laboral alcanza tamén ao cadro de persoal municipal, cun total de 5 traballadores – 2 funcionarios de carreira e 3 interinos – que exercen na Administración local, unha cota que agardamos seguir ampliando coa convocatoria de 8 prazas máis, tal e como contemplan as OPE’s en vigor”, sinalou a rexedora.

A alcaldesa lucense recordou igualmente a “iniciativa do Concello á hora de impulsar políticas transversais de integración dende a área de Benestar pero tamén dende Desenvolvemento Local”, en alusión á posta a disposición de varias vivendas municipais dotadas con todas as prestacións domóticas necesarias para permitir unha vida autónoma, así como a organización da I Xornada Speed Networking, unha iniciativa que contou cunha elevada participación e que tiña como meta poñer en contacto a persoas traballadoras e desempregadas con diversidade funcional e a empresas de diferentes sectores que desenvolven a súa actividade en Lugo para poder establecer entre elas redes de contactos.

“Trátase de fomentar, dende tódolos eidos posibles, unha igualdade plena de toda a cidadanía – abondou Méndez – tamén dende o aspecto físico, eliminando barreiras como pode ser un pavimento de lastras ou os bordos nos pasos peonís, pero tamén creando  infraestruturas como os elevadores de Fontiñas e o Sagrado Corazón ou a pasarela de  San Roque, obras coas que avanzamos na consecución dun Lugo cota cero e dun urbanismo integrador”, sostivo a rexedora.

A alcaldesa lucense manifestou a súa satisfacción pola concesión do premio Cegasal, “en tanto recoñece o labor municipal ao tempo que axuda a visibilizar o compromiso do Concello pola inclusión real das persoas con discapacidade”, concluíu Lara Méndez.

Multimedia

  • O Concello de Lugo, a Administración local de Galicia máis comprometida coa inserción laboral das persoas con discapacidade
  • O Concello de Lugo, a Administración local de Galicia máis comprometida coa inserción laboral das persoas con discapacidade
  • O Concello de Lugo, a Administración local de Galicia máis comprometida coa inserción laboral das persoas con discapacidade

Noticias relacionadas