O Concello de Lugo adía a creación da Empresa mixta da auga forzado polas restriccións que impon ós municipios a nova Lei de administración local

Mércores, 12 de febreiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O proxecto da Empresa mixta para a xestión do ciclo da auga, na que o Concello ía ter a maioría do capital, prevía acadar o equilibrio financieiro no prazo de sete anos

O Goberno local anunciou hoxe a decisión de pospoñer o proxecto de creación da Empresa mixta para a xestión do ciclo da auga dadas as restriccións impostas ós concellos pola nova Lei de administración local. 
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, comunicou esta mañá a decisión tomada polo Goberno local que supón adiar este proxecto municipal dado que a nova Lei do Goberno de Rajoy impide o funcionamento de empresas municipais que teñan déficit durante dous anos, aínda que sexan de nova creación, e o proxecto para a posta en marcha da Empresa mixta da auga contemplaba que non sería rendible durante os seis primeiros anos de vida.
Luis Álvarez destacou que ésta é só unha das consecuencias negativas que está a ter a entrada en vigor da nova Lei de administracións locais aprobada polo Partido Popular e salientou que esta norma do Goberno de Rajoy fai unha aposta decidida pola privatización dos servizos que prestan as administracións municipais.
“Como consecuencia dunha lei que vimos criticando con insistencia polos efectos perversos que provoca no funcionamento dos municipios, o Concello de Lugo vese obrigado a aparcar, neste momento, o proxecto de creación dunha empresa de economía mixta da auga”, anunciou Álvarez e salientou que “esta lei prevé unha intervención sen precedentes da empresa privada na xestión municipal”.
O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente explicou que o proxecto para a creación da Empresa de economía mixta da auga de Lugo tiña unha duración prevista de 25 anos e nos seus 6 primeiros anos está previsto que o seu resultado sexa negativo, de xeito que se acadaría o equilibrio entre ingresos e gastos a partir do sétimo ano.
Estas previsións entran en conflicto coa nova lei porque nela prohíbese que as empresas con participación pública das administracións municipais sexan deficitarias durante máis de dous anos e obriga a que se disolvan, mesmo prevé un mecanismo polo que as declara disoltas automáticamente se as Corporacións municipais non o fan. 
Luis Álvarez explicou que, tendo en conta estes condicionamentos que levarían á disolución da empresa automáticamente o 31 de decembro de 2015, “unha prudencia mínima aconsella aparcar de momento, que non desistir, este proxecto” e salientou que “estamos convencidos que é o mellor modelo de xestión, porque mantiña un 76% de control público pero a posible disolución desa empresa suporía, cando menos, unha situación comprometida para o Concello porque obrigaría a indemnizar ó socio privado pola disolución da empresa”.
O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente tamén anunciou que o Goberno local xa traballa na busca dunha solución alternativa para a xestión do ciclo da auga, unha vez que se desbotou a posta en marcha neste momento da Empresa mixta. 
Álvarez recoñeceu que a decisión terá que tomarse tendo en conta que o Goberno de España prohibe ás administracións a incorporación de novos traballadores ó plantel de persoal, polo que difícilmente poderá asumir directamente a xestión o Concello. 
En todo caso, salientou que se vai estudar cal é o modelo máis correcto e matizou que se optará pola menor duración imprescindible dado que os recursos de inconstitucionalidade contra a nova Lei de administración local fan que “nos movamos neste momento nunha situación de gran incertidume sobre cal será o marco legal que nos afecte nos próximos anos”.
Respecto á repercusión que terá esta decisión no futuro das tarifas que terán que pagar os veciños polo consumo da auga, Álvarez lembrou que a normativa europea, pendente de que o Goberno a aplique en España, obrigará ós concellos a cumprir o principio de estabilidade que impide que os servizos públicos sexan deficitarios.

Noticias relacionadas