O Concello de Lugo aconséllalle á poboación que non beba auga do grifo nos próximos dous días

Martes, 10 de novembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, compareceu hoxe ante os medios de comunicación para dar conta dun verquido de gasoil que se filtrou ao río Miño na tarde de onte. Un incidente que obrigou ao Concello a por en marcha o seu plan de emerxencias e que, á espera dos resultados das probas, leva a recomendar á poboación que non beba auga do grifo durante dous días, tempo no que se coñecerá o resultado das mostras.

O Concelleiro explicou que o verquido se produciu nunha casa particular ao rechear o depósito do gasoil da calefacción. A operación rematou cun verquido no inmoble que os propietarios decidiron limpar con auga, rematando o verquido nun regato próximo desde o que se filtrou ao río.

O verquido foi detectado na depuradora de Ombreiro arredor das 5 da tarde e nese mesmo momento pararon o funcionamento da pranta, ao tempo que se puxo en marcha o plan de emerxencias controlado pola Concellería de Protección da Comunidade a través de Protección Civil. Ademais de parar o funcionamento da planta para que non se filtrase o gasoil, estendéronse sobre o río barreiras anticontaminación que absorbesen a película que flotaba sobre o río.

Tamén colaboraron nos traballos a Patrulla Verde e membros de Seprona, encargados de investigar a orixe do verquido. Así mesmo, déuselle traslado do acontecido á Consellería de Sanidade.

A farmacéutica responsable da planta foi a encargada de tomar as mostras que determinen se hai hidrocarburos disoltos na auga. Mentres non se teñen os resultados, que tardarán dous días, recoméndaselle á poboación que non consuma auga do grifo.

Lino González explicou que todo apunta a que non entrou auga na planta pero “preferimos tomar as máximas medidas de protección”.

A planta funciona con normalidade deste esta mañá polo que non haberá problemas de abastecemento para os cidadáns. Hoxe incrementáronse as barreiras anticontaminación en diferentes puntos do río.

Multimedia

Noticias relacionadas